COMO SOLICITAR A TARXETA SANITARIA EUROPEA

24. 03. 05
A Tarxeta Sanitaria Europea (TSE) é o documento persoal e intransferible que acredita o dereito para recibir as prestacións sanitarias que resulten necesarias, desde un punto de vista médico, durante unha estancia temporal en calquera país tanto da Unión Europea, como do Espazo Económico Europeo (Noruega, Liechtenstein e Islandia) e Suíza.
 
Se tes planeado viaxar a un destes países e necesitas solicitar este documento, podes facelo comodamente, sen necesidade de desprazamentos a través da Sede electrónica da Seguridade Social ou o portal A túa Seguridade Social. Sexa cal for o método elixido, o prazo previsto para o seu envío é duns 5 días.
 
SEDE ELECTRÓNICA
 
Tanto titulares como beneficiarios/as da asistecia sanitaria poden solicitar ou renovar a súa TSE a través da Sede electrónica da Seguridade Social identificándose mediante certificado electrónico, cl@ve ou vía sms.
 
Para o acceso vía sms a este servizo non necesitarás doutro método de identificación previa, aínda que o teu teléfono móbil deberá constar na base de datos da Seguridade Social o que lle permitirá identificarse mediante un contrasinal dun só uso que lle será remitida ao seu teléfono móbil por sms. Previamente, deberás indicar nome, apelidos, número de teléfono, documento de identidade e data de nacemento.
 
 
Lembra que podes rexistrar o teu teléfono móbil na Seguridade Social grazas ao servizo de solicitudes que atopará nesta ligazón ao portal da TGSS, deberá identificárse mediante unha foto e o seu documento de identidade: https://portal.seg-social.gob.es/wps/portal/importass/importass/solicitudes/enviar
 
A túa Seguridade Social
 
O portal A túa Seguridade Social tamén permite a solicitude da TSE tanto como interesado/a (en nome propio) como a través de representante ou apoderado, sempre que esteas rexistrado no rexistro electrónico de apoderamentos.
 
Tan só terás que seleccionar este método de acceso ao portal, seleccionar o trámite oportuno e seguir as indicacións que nos aparezan. Podes identificarte e acceder a este trámite polas mesmas vías que na Sede electrónica: cl@ve, certificado dixital ou vía sms. Unha vez dentro, selecciona Solicitar Tarxeta na apartado Tarxeta Sanitaria Europea.
 
Esta vía permite seleccionar o domicilio ao que queres que se che envíe e solicitar este documento para os beneficiarios de asistencia sanitaria que teñas asociados.
 
 
Lembra que…
Esta atención sanitaria terá en conta os tratamentos requiridos e a duración da estancia prevista, de acordo coa lexislación do país de estancia, independentemente de que o obxecto da estancia sexa o turismo, unha actividade profesional ou os estudos.
 
A Tarxeta Sanitaria Europea (TSE) non é válida cando o desprazamento teña a finalidade de recibir tratamento médico, nese caso é necesario que o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), ou o Instituto Social da Mariña (ISM), emita o formulario correspondente, previo informe favorable do Servizo de Saúde.
 
Tampouco é o documento válido se trasladas a túa residencia ao territorio doutro Estado membro.
 
Nalgúns casos, deberás asumir unha cantidade fixa ou unha porcentaxe dos gastos derivados da asistencia sanitaria, en igualdade de condicións cos asegurados do Estado ao que che despraces. Estes importes non son reintegrables.