XUNTA DE GALICIA CONVOCA CURSO DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA GALEGA E CURSOS PREPARATORIOS PARA A OBTENCIÓN DOS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA CELGA EN VARIAS ESCOLAS DE IDIOMAS DE GALICIA

24. 07. 03

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia.

Os cursos de linguaxe administrativa galega ofertados nas distintas escolas oficiais de idiomas de Galicia figuran no anexo I desta resolución. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre febreiro e abril. 

A oferta dos cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, figura no anexo II. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre febreiro e maio. 

A oferta de cursos recollida nos anexos I e II desta resolución poderá ser modificada en función da organización académica de cada escola, caso en que as escolas oficiais de idiomas farán pública a nova oferta con anterioridade suficiente ao inicio dos cursos.

O prazo para a presentación das solicitudes será o seguinte:

– Desde o día 1 ata o 12 de xullo de 2024, para os cursos do primeiro cuadrimestre;

– Desde o 11 ata o 22 de novembro de 2024, para os cursos do segundo cuadrimestre.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que sexan presentadas fóra de prazo.

Persoas destinatarias dos cursos

1. Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral da Lingua para certificar a súa competencia en lingua galega.

2. As persoas solicitantes destes cursos poderán facer unha única solicitude de inscrición por cuadrimestre con tres preferencias priorizadas de grupos. En caso de adxudicación de praza en máis dun curso, a/o alumna/o deberá optar por un só curso nunha soa escola.

3. Para conseguir o axeitado rendemento e o aproveitamento do curso hai que procurar a homoxeneidade dos coñecementos do alumnado. Polo tanto, á hora de formular a solicitude dun curso dun determinado nivel Celga, deberase ter en conta a definición de contidos previstos no anexo III da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo (corrección de erros no DOG núm. 178, do 13 de setembro).

Datas de realización dos cursos

1. Os cursos do primeiro cuadrimestre comezarán o día 30 de setembro de 2024 e rematarán o 1 de decembro de 2024.

2. Os cursos do segundo cuadrimestre comezarán o día 17 de febreiro e rematarán o 27 de abril de 2025.

3. De xeito excepcional, a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá modificar as datas de inicio e remate dos cursos establecidas nos números 1 e 2 deste punto, así como as datas de realización das probas finais dos cursos de linguaxe administrativa galega e da publicación das cualificacións, recollidas no número 4 do punto décimo terceiro. Nese caso, o alumnado será informado coa suficiente antelación a través da aula virtual.

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240626/AnuncioG0761-200624-0001_gl.pdf