CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES
ORDE do 17 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases para a concesión das compensacións de gastos do transporte escolar, de carácter individual, para alumnado con dereito a transporte escolar que non poida facer uso dos servizos de transporte escolar contratados pola Xunta de Galicia (código de procedemento IF306A).
Requisitos para adquirir a condición de perceptor
1. Poderán presentar solicitudes de compensación de gastos os pais, nais, titores ou representantes legais do seguinte alumnado matriculado en cada curso escolar. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa con quen conviva en acollemento familiar:
a) O alumnado que curse as ensinanzas do segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e o alumnado de educación especial, escolarizado en centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. No caso de alumnado escolarizado en centros públicos de educación especial dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a compensación de gastos concederase sempre que non teñan cumpridos os 21 anos ao inicio do curso escolar.
b) O alumnado de centros públicos ao que, por motivos de escolarización forzosa, a Inspección Educativa lle asigne, mediante un ditame de escolarización forzosa, un centro escolar distinto ao que lle correspondería pola zona de influencia.
c) O alumnado de educación especial escolarizado en centros concertados ou privados cando a súa escolarización en tales centros veña determinada por circunstancias excepcionais que exixa esta e que conten cun ditame de escolarización do equipo de orientación específico e a autorización do departamento territorial correspondente.
d) O alumnado que curse as ensinanzas da formación profesional básica terá dereito á compensación de gastos de transporte escolar para cursar os ciclos da FP básica, sempre que non cumpran os 17 anos ata despois do 31 de decembro do ano en que se matriculen por primeira vez no primeiro curso do ciclo.
O alumnado relacionado anteriormente deberá atoparse nalgunha das seguintes situacións:
• Non poder facer uso do servizo de transporte escolar por razóns de carácter obxectivo (orográficas, ancho de vías, tamaño dos vehículos empregados ou calquera outra similar).
• No caso de estar escolarizado nun centro que non lle corresponde segundo a distribución das áreas de influencia establecidas, contar cun ditame de escolarización forzosa ou un ditame de escolarización do equipo de orientación específico emitido pola Administración educativa sempre que o alumno ou alumna non teña a posibilidade de utilizar o transporte escolar do centro, tanto se o transporte escolar é contratado pola Xunta de Galicia se se trata dun centro de ensino público como se se trata do transporte do centro ou asociación privada no caso de existir un convenio en materia de transporte escolar da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes con tales centros e/ou asociacións.
• Presentar requirimentos especiais que impidan ou desaconsellen a utilización do transporte escolar, por causas debidamente acreditadas.
• Cando o uso da tarxeta Xente Nova, similares ou análogas de carácter municipal, nas áreas de transporte metropolitano, que permitan realizar todas ou unha parte das viaxes de forma gratuíta non cubra a totalidade das viaxes. Neste caso, a compensación de gastos concederase polas viaxes non cubertas polas devanditas tarxetas.
Requisito de distancia
Con carácter xeral, o domicilio familiar debe estar:
➡️ fóra do núcleo urbano onde se sitúe o centro escolar, e
➡️ a máis de 2 km do centro escolar.
O centro debe ser, ademais, o que lle corresponda ao alumno/a segundo a súa área de influencia.
Para calcular os 2 km utilízase o traxecto máis curto a pé desde o domicilio ata o centro ou ata a parada máis próxima, tomando como referencia Google Maps. Excepcionalmente poden admitirse situacións que non cumpran estes requisitos cando existan especiais dificultades debidamente xustificadas
O prazo ordinario de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260923/AnuncioG0759-150926-0005_gl.pdf
