DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A ENTIDADES SEN FINS DE LUCRO PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS, ANO 2026

SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A ENTIDADES SEN FINS DE LUCRO PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS, ANO 2026

Poderán solicitar estas subvencións as entidades culturais que reúnan os seguintes requisitos:

• Carecer de fins de lucro.

• Ter o domicilio fiscal na provincia de Pontevedra.

• Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir subvencións públicas.

• Non estar incursas en ningunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei.

• Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra.

Non poderán beneficiarse destas subvencións as ANPA, as comisións de festas, os clubs deportivos nin as asociacións que teñan pendentes de xustificar subvencións para actividades culturais concedidas no exercicio anterior.

Só se poderá conceder unha subvención por entidade, en cada unha das liñas, no ámbito desta convocatoria.

Para os efectos destas bases, descríbense a continuación as actividades elixibles:

Liña 1:

• As actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial propio das vilas e comarcas da nosa provincia (costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos).

• Os certames e as actividades de valorización da pintura, da escultura, da arquitectura e da banda deseñada.

• Os festivais, as mostras, os encontros e os certames culturais.

• Festivais ou actividades de relevancia para os intereses provinciais de promoción da nosa cultura e das nosas tradicións fóra da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan unha antigüidade de polo menos dúas edicións consecutivas anteriores á data de publicación desta convocatoria.

Liña 2:

• Participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais.

• Intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical e cultural fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quedan excluídos desta convocatoria, e polo tanto non serán obxecto de subvención, os seguintes conceptos:

• As actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación.

• Os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos bancarios, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realicen ao longo de todo o ano.

• As viaxes de lecer, as excursións, as festas gastronómicas e as festas populares.

• Os gastos gastronómicos, agás naqueles casos de intercambios culturais fóra da comunidade autónoma.

• As actividades que utilicen no seu desenvolvemento linguaxe sexista ou a imaxe da muller como reclamo.

• As actividades educativas, as formativas e os obradoiros.

• As actividades de carácter deportivo.

• As actividades que ocasionen ou xustifiquen o maltrato de persoas ou animais.

• As adquisicións de bens ou os gastos que teñan a consideración de investimentos.

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no BOPPO e na BDNS.

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2026/03/09/2026015418