IGAPE CONVOCA AXUDAS Á TRANSFORMACIÓN DIXITAL DAS PEMES (FONDOS EUROPEOS)

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2026 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á transformación dixital das pemes cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para os anos 2026-2027 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C)

Estas axudas están destinadas a apoiar proxectos de transformación dixital orientados á implantación e posta en produción de solucións dixitais que proporcionen soporte aos procesos dunha empresa, ás súas relacións comerciais e operativas con terceiros e á súa interconexión dixital na cadea de valor, así como proxectos de intercambio automatizado de datos entre unha empresa galega e outras empresas.

Persoas beneficiarias

As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo os empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto.

Os proxectos encadraranse nos seguintes tipos en función do seu importe subvencionable total:

a) Tipo 1: proxectos cun importe subvencionable inferior a 50.000 €.

b) Tipo 2: proxectos cun importe subvencionable de 50.000 € ata 120.000 €.

c) Tipo 3: proxectos cun importe subvencionable superior a 120.000 €.

 O importe subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260610/AnuncioO92-220526-0001_gl.pdf