DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A COOPERATIVAS AGROGANDEIRAS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA INVESTIMENTOS DURANTE O EXERCICIO 2022

Constitúe o obxecto xeral destas bases definir o conxunto de condicións e o proceso que se seguirá para a concesión de subvencións ás cooperativas agrogandeiras legalmente constituídas da provincia de Pontevedra que outorgue a Deputación, segundo os principios de obxectividade e concorrencia competitiva.

Poderá solicitar estas axudas calquera cooperativa agrogandeira legalmente constituída da provincia de Pontevedra.

Son actuacións susceptibles de axuda as que apoien as entidades agrogandeiras en proxectos destinados á recuperación e posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro que teñan como obxecto:

a) A comercialización, a transformación e a valorización das producións

b) A formación técnica e o asesoramento para desenvolver proxectos de investigación e innovación tecnolóxica

c) O uso das novas tecnoloxías e das enerxías renovables e o aforro enerxético

d) Investimentos para mellorar os servizos que presta a cooperativa:

— Axudas para a adquisición de terreos para aumentar a base territorial das instalacións cooperativistas

— Axudas para investir en maquinaria agrícola, obras, construcións, equipos, instalacións, reparacións en edificios e os seus accesos

— Axudas para adquirir equipamentos e sistemas informáticos, mobiliario e outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos que prestan estas entidades

As axudas para maquinaria agrícola non serán compatibles con outras para o mesmo fin.

No caso de solicitudes para adquirir licenzas de software, estas só serán subvencionables cando as entidades beneficiarias as contabilicen como investimentos.

Non será obxecto de subvención nesta convocatoria o seguinte:

a) O importe do IVE non se considerará gasto subvencionable cando sexa susceptible de recuperación ou compensación pola entidade, de acordo co artigo 31.8 da LXS

b) Os gastos referidos a investimentos que non se correspondan cos obxectivos da convocatoria

c) As actuacións que non teñan como finalidade a prestación de servizos ás súas persoas socias

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria e do seu extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2022/04/11/2022023746