XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA DESEÑAPEME

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ao deseño para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (programa DeseñaPeme) (código de procedemento IN848E).

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas, destinadas ao financiamento de proxectos de deseño, para a mellora das capacidades de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos e marcas e identidades corporativas, aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia (programa DeseñaPeme). Código de procedemento IN848E.

O seu obxectivo é incorporar o deseño estratéxico nas pemes beneficiarias, é dicir, os seus procesos e o pensamento creativo propio do deseño, na xestión do negocio.

Esta convocatoria de axudas será unha ferramenta para facilitar o obxectivo de mellorar a posición das empresas, e fomentar entre elas a adopción do deseño no marco empresarial como un valor estratéxico, que proporciona innovación aos produtos e aos servizos, aos soportes en que estes se presentan ao mercado, e que contribúe a fixar unha imaxe das empresas diferenciada e moderna, nun contorno cada vez máis competitivo e globalizado.

Nestas axudas diferéncianse tres ámbitos do deseño segundo o tipo de proxecto que se vaia poñer en marcha nas empresas beneficiarias:

1.1. Deseño de produto.

1.2. Deseño de servizos/experiencias.

1.3. Deseño de marca e identidade corporativa.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220421/AnuncioG0198-070422-0001_gl.pdf