XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS Á CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL, POR REDUCCIÓN DA XORMADA DE TRABALLO COMO MEDIDA DE FOMENTO DA CONCILIACIÓN (FONDOS EUROPEOS)

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 11 de agosto de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, financiadas con fondos REACTUE, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI440A).

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras e as familias monoparentais que, entre o 1 de xullo de 2021 e o 31 de xullo de 2022, ambos os dous inclusive, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta resolución.

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas, que no período comprendido entre o 1 de xullo de 2021 e o 31 de xullo de 2022, ambos os dous inclusive, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %, e que reúnan os seguintes requisitos:

a) No caso de unidades familiares non monoparentais, co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos segundo o establecido no artigo 6 desta resolución e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

b) No caso de unidades familiares monoparentais, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos segundo o establecido no artigo 6 desta resolución e sexa persoa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

Accións subvencionables

1. A redución da xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. A redución de xornada terá que ser de polo menos o 12,5 % da xornada.

Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que, cumprindo os requisitos establecidos neste artigo, adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

2. O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito (8) meses comprendidos entre o 1 de xullo de 2021 e o 31 de xullo de 2022, ambos os dous inclusive. Para determinar o período subvencionable, terase en conta o seguinte: a) Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada nos que se cumpran os requisitos entre o 1 de xullo de 2021 e o 31 de xullo de 2022, ambos os dous inclusive, co límite máximo de oito (8) meses.

A contía desta axuda determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, en atención ao número de fillas e fillos a cargo da persoa solicitante, de acordo cos seguintes tramos:

a) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses): 1º. Cun fillo ou filla a cargo: 1.700 euros. 2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 2.000 euros. 3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 2.300 euros

b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses): 1º. Cun fillo ou filla a cargo: 2.800 euros. 2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.100 euros. 3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros. c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % e ata o 50 % ou máis dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses): 1º. Cun fillo ou filla a cargo: 3.100 euros. 2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros. 3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.700 euros. 2. Para o cómputo do número de fillos e fillas, teranse en conta unicamente os fillos e fillas menores de 12 anos, incluídos aqueles polos que se solicita a redución de xornada. 3. A contía da axuda, reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior a 8 meses. Para o cálculo da contía da axuda computaranse meses de 30 días. 4. Para as familias monoparentais de acordo ás súas maiores dificultades para a conciliación e o maior risco de vulnerabilidade e menores ingresos, contabilizarase cada fillo/a que convivan coa persoa titular da familia monoparental, para a asignación do tramo de contía da axuda como dobre, ou multiplicado por dous.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220826/AnuncioG0656-120822-0005_gl.pdf