INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO CONVOCA AXUDAS DO PROGRAMA DE MELLORA DA ACCESIBILIDADE NAS VIVENDAS DO PLAN ESTATAL PARA O ACCESO Á VIVENDA

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI435B)

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, sempre que se trate de persoas físicas ou xurídicas de natureza privada:

a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila.

b) As persoas propietarias ou usufrutuarias de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.

c) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas incluídas nun edificio de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.

d) As comunidades de persoas propietarias ou as súas agrupacións, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

e) As sociedades cooperativas de vivendas integradas por socios cooperativistas que precisen aloxamento para si ou os seus familiares, as sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como, polas persoas propietarias que conforman comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo.

f) As persoas propietarias que, de forma agrupada sexan propietarias de edificios, que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal.

g) As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas, que acrediten a dita condición mediante contrato vixente a suficiente prazo coa propiedade, que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto do programa.

h) As persoas arrendatarias de vivendas, no suposto de que as obras ou actuacións non sexan de obrigada execución pola persoa propietaria e ambas as partes acorden que a arrendataria costee ao seu cargo as actuacións de mellora da accesibilidade, con cargo a parte ou á totalidade da renda arrendaticia.

Requisitos

1. As vivendas unifamiliares, illadas ou agrupadas en fila, para as que se solicite a axuda deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar rematadas antes de 2006. Esta circunstancia acreditarase mediante escritura pública, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais. Non se exixirá este requisito no suposto de que na vivenda habiten persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Que constitúan o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias no momento de solicitar as axudas. A dita circunstancia acreditarase mediante certificación ou volante de empadroamento.

2. Os edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva que se acollan ás axudas deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar rematados antes de 2006. Esta circunstancia acreditarase mediante escritura pública, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais. Non obstante, non se exixirá este requisito no suposto de que no edificio habiten persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Que, polo menos, o 50 % da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda. Esta circunstancia poderá acreditarse mediante escritura pública, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais.

c) Que, polo menos, el 30 % das vivendas constitúan o domicilio habitual dos seus propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios no momento de solicitar as axudas deste programa.

A dita circunstancia acreditarase mediante certificación ou volante de empadroamento. Este requisito non se terá en conta nos seguintes casos: – Cando se trate de propietario/a único/a que tivere que proceder ao realoxo das persoas inquilinas para realizar as obras de mellora da accesibilidade, caso en que deberá xustificar esta circunstancia e o compromiso de destinar as vivendas obxecto de mellora na súa accesibilidade a domicilio habitual das persoas arrendatarias na referida porcentaxe. – Cando se trate dun inmoble onde se encontre o domicilio habitual dunha persoa con discapacidade física que, debido á falta de accesibilidade nas zonas comúns, se encontre confinada na súa vivenda. d) Que, de ser o caso, as actuacións conten co acordo da comunidade ou comunidades de persoas propietarias debidamente agrupadas e coa autorización ou autorizacións administrativas correspondentes.

3. As vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva para as que se solicite de forma independente a axuda deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar rematadas antes de 2006. Esta circunstancia acreditarase mediante escritura pública, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais. Non obstante, non se exixirá este requisito no suposto de que na vivenda habiten persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Que constitúan o domicilio habitual e permanente dos seus propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios no momento de solicitar acollerse ás axudas. A dita circunstancia acreditarase mediante certificación ou volante de empadroamento.

Actuacións subvencionables

1. Consideraranse subvencionables as actuacións para a mellora da accesibilidade.

En particular, as seguintes:

a) A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas incorporando mecanismos motorizados ou outros dispositivos de accesibilidade, así como calquera medida de accesibilidade que facilite a autonomía e a vida independente de persoas con mobilidade reducida, tanto en edificios como en vivendas unifamiliares, incluíndo os dispositivos adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente. Inclúese a integración mediante un único mecanismo de identificación (teléfono intelixente, cámaras, pantallas ou outros dispositivos tecnolóxicos equivalentes en canto á súa funcionalidade) dos sistemas de apertura e control de accesos e doutros sistemas que necesiten control persoal e a adaptación, cando existan, a altura non superior a 1,40 m dos dispositivos xa instalados.

b) A instalación ou dotación de produtos de apoio tales como guindastres ou artefactos análogos, así como sistemas tecnolóxicos de guiado que permitan a localización, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, se é o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.

c) A instalación de elementos de información, de comunicación ou de aviso tales como sinais luminosos e visuais, vibrotáctiles ou sonoros que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas. En particular, a instalación de elementos que melloren a accesibilidade e seguridade no uso dos ascensores, como a comunicación bidireccional en cabina.

d) A instalación de produtos de apoio á audición para a accesibilidade no contorno, como os bucles magnéticos.

e) A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como videoporteiros que proporcionan información visual e auditiva e análogos.

f) A instalación de dispositivos de alarma no ascensor que garantan un sistema de comunicación visual, auditiva e bidireccional co exterior para os casos de emerxencia ou atrapamento. Así como a instalación de bucle magnético nos devanditos dispositivos.

g) A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.

h) Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas (unifamiliares, agrupadas en fila ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva) ou nos propios edificios de tipoloxía residencial colectiva obxecto deste programa, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda que cumpran coas condicións do Código técnico da edificación no referido a vivenda accesible, así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas, así como as modificacións e adaptacións necesarias e adecuadas ás necesidades específicas das persoas con discapacidade que habitan as vivendas. Inclúense, así mesmo, as obras necesarias e complementarias sobre elementos directamente relacionados coa actuación de mellora de accesibilidade universal e cuxo mal estado de conservación aconselle a intervención.

i) Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do Código técnico da edificación DB-SUA, seguridade de utilización e accesibilidade. En particular, a instalación de elementos que melloren a accesibilidade e seguridade de utilización nos ascensores, como a mellora da nivelación da cabina

A contía máxima das axudas non poderá superar os seguintes límites:

a) 12.500 euros por vivenda cando se solicite para actuacións correspondentes a vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila. Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda se reside unha persoa con discapacidade e ata 18.000 euros por vivenda se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) 9.000 euros por vivenda e 90 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles cando se solicite para actuacións correspondentes a edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva. Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos será necesario que os predios correspondentes participen nos custos de execución da actuación. Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda se reside no edificio unha persoa con discapacidade e ata 18.000 euros por vivenda se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

c) 6.000 euros por vivenda cando se solicita para actuacións correspondentes a vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva.

Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda se reside unha persoa con discapacidade e ata 18.000 euros por vivenda se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

d) O 60 % do custo da actuación. Esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 80 % se na vivenda ou unha das persoas que resida no edificio sexa unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

2. O límite unitario das axudas establecido nas letras a), b) e c) poderá ser incrementado en 3.000 euros máis por vivenda en edificios ou vivendas declaradas ben de interese cultural, catalogados ou que conten con algún nivel de protección no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

3. O custo das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais intervenientes, o custo da redacción dos proxectos de ser o caso, informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e tributos, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.

4. Para a determinación da contía da axuda cada vivenda debe contar coa súa referencia catastral propia. Noutro caso, computarase, para os efectos da axuda, un edificio como unha única vivenda

O prazo de presentación de solicitudes destas axudas estará aberto desde o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) e rematará o día 7 de novembro do presente ano e, en todo caso, no momento de esgotamento do crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS

ANEXO I: https://sede.xunta.gal/doc-invia/rest/anexos/23756348

ANEXO II: https://sede.xunta.gal/doc-invia/rest/anexos/23771792

ANEXO III (COMUNIDADES): https://sede.xunta.gal/doc-invia/rest/anexos/23771797

ANEXO IV (COMUNIDADES): https://sede.xunta.gal/doc-invia/rest/anexos/23771798

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221004/AnuncioC3Q2-230922-0002_gl.pdf