XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VEHÍCULOS ADAPTADOS A PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA (EUROTAXI) , VEHÍCULOS TAXI DE EMISIÓN CERO E VEHÍCULOS TAXI ECO

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 14 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2023 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF303A).

O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi do tipo eco.

Os prazos serán diferentes para as distintas liñas:

a) Para as liñas de taxi de cero emisións e eco, poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 15 de xullo de 2022 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda (31 de outubro de 2023). Porén, esta data límite do 31 de outubro para xustificar só será de aplicación a aqueles interesados que reciban a notificación de concesión con posterioridade ao 31 de agosto de 2023, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.

b) Para a liña Eurotaxi, poderán ser obxecto de subvención os seguintes vehículos: – Os vehículos que xa fosen adquiridos, en calquera momento, e estean adscritos ou non a unha autorización no momento de presentación da solicitude, sempre que manteñan o compromiso de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi durante, polo menos, cinco (5) anos desde a data da presentación da solicitude da axuda ou, no suposto de non estaren adscritos a unha autorización nese momento, desde a data da súa adscrición. – Os vehículos novos que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e á data límite establecida na orde para xustificar a axuda.

A data límite será o 31 de outubro de 2023, pero só para aqueles interesados que reciban a notificación da resolución de concesión con posterioridade ao 31 de agosto de 2023, de conformidade co artigo 18.1 desta orde. Os solicitantes non poderán ter sido beneficiarios dunha axuda análoga da Xunta de Galicia para o mesmo vehículo nos termos indicados no artigo 4.2.c).

Actuacións subvencionables

1. Con cargo a esta orde será subvencionable a adquisición de novos vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), que reúnan as seguintes condicións:

a) Deben estar adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida. Para estes efectos, os vehículos deberán reunir as condicións previstas no Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan os requisitos básicos de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.

b) Os vehículos deberán ser adquiridos dentro dos prazos fixados na orde.

c) En ningún caso se admitirán como subvencionables os vehículos de segunda man, nin os adquiridos a través dun contrato de renting.

2. Tamén serán subvencionables con cargo a esta orde os novos vehículos taxi de tipo cero emisións e eco que reúnan as seguintes condicións:

a) Deberán estar clasificados oficialmente nestas categorías pola Dirección Xeral de Tráfico de acordo co disposto na Orde PCI/810/2018, do 27 de xullo, pola que se modifican os anexos II, XI e XVIII do Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro.

b) Os vehículos deberán ser adquiridos dentro dos prazos fixados na orde.

c) En ningún caso se admitirán como subvencionables os vehículos de segunda man, pois o solicitante terá que ser o seu titular na súa primeira matriculación, nin os adquiridos a través dun contrato de renting.

A axuda por vehículo para taxi adaptado (Eurotaxi) será de 10.000 euros, para taxi de cero emisións de 6.000 euros e para taxi eco de 4.000 euros.

Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de mobilidade competentes.

Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberanse axustar ás seguintes regras:

a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) Deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.

c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante, agás no suposto de que para a mesma autorización a persoa interesada acadase a condición de beneficiario/a con base en convocatorias anteriores de axudas efectuadas pola Xunta de Galicia para esta mesma finalidade.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2023.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221124/AnuncioG0533-151122-0001_gl.pdf