XUNTA DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA A PARTICIPACIÓN DE PERSOAS CREADORAS GALEGAS EN RESIDENCIAS LITERARIAS FÓRA DE GALICIA

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 12 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas creadoras galegas en residencias literarias fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT215D).

Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións para estadías en residencias literarias que se realicen fóra de Galicia, dirixidas a profesionais da creación literaria galegos para fomentar a difusión da cultura galega e o impulso de relacións de cooperación con outros organismos e centros culturais de referencia (código de procedemento CT215D).

As estadías terán como finalidade que as persoas creadoras realicen a tradución das súas obras, que a súa estadía sexa necesaria para o proceso de investigación previo á creación da obra obxecto da residencia ou que precisen dun espazo e ambiente de traballo que lle permita continuar co desenvolvemento dun proxecto xa iniciado.

As axudas están dirixidas a apoiar o sector da creación literaria galego no que se refire aos gastos derivados da súa estadía en residencias fóra de Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de decembro de 2023.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas, autónomas ou non, a que se refire o artigo 1 da orde:

Persoas físicas, sexan autónomas ou non, que interveñan no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro e que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no ámbito da Comunidade Autónoma galega. 

As persoas solicitantes deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de outubro de 2023.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230727/AnuncioG0655-130723-0001_gl.pdf