IGAPE CONVOCA AXUDAS Á IMPLANTACIÓN DE MEDIDAS PARA O AVANCE NO CUMPRIMENTO DE CRITERIOS MEDIOAMBIENTAIS, SOCIAIS E DE GOBERNANZA NAS PEMES GALEGAS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas pemes galegas para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300F).

Persoas beneficiarias

As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos aos empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos individuais en que unha peme aborda medidas de impacto nos factores ASG, especificamente deseñadas ou desenvolvidas para o seu ámbito de actividade. 

b) Proxectos colectivos de simbiose industrial en que un grupo de empresas (cun mínimo de tres empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto ASG para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais ou propor actuacións de impacto social de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o impacto social, o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.

Poderanse subvencionar os seguintes tipos de conceptos:

a) Activos materiais e inmateriais (que para ser subvencionables deben contabilizarse nunha conta contable do grupo 2):

i. Sensores, equipamentos e sistemas para a medición, monitorizaxe, seguimento e control de parámetros produtivos e ambientais.

ii. Hardware e software intelixente para proceso da información cando sirva ao aforro de insumos e de consumo de recursos hídricos ou enerxéticos ou ben para a redución da produción de refugallos, así como os gastos de desenvolvemento do devandito software. En ningún caso serán subvencionables os gastos de mantemento ou o canon dixital.

iii. Nova maquinaria e bens de equipamento, unicamente no caso de que se trate de equipamentos destinados á reutilización ou reciclaxe in situ de refugallos producidos nos procesos da empresa.

b) Servizos de consultoría externa, de deseño de procesos ou de produtos máis eficientes, ou organizativa (que para seren subvencionables debe contabilizarse nunha conta contable do grupo 6): asistencia técnica, ecodeseño, reenxeñaría de procesos, programas de responsabilidade social ou propostas dirixidas a mellorar a gobernanza, a xestión de riscos ASG ou cara á certificación B Corp. As colaboracións externas subvencionables deberán contribuír aos obxectivos específicos do proxecto e, polo tanto, non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, servizos de mantemento nin calquera outro non vencellado directamente ao obxecto do proxecto ASG proposto. Tamén serán subvencionables os custos das certificacións previstas nomeadas no número 2 do artigo 1. Os conceptos subvencionables poderán reclasificarse de oficio atendendo á súa descrición. Non serán subvencionables aquelas colaboracións externas en que non se indique con claridade o resultado que se vai obter, os entregables previstos e como se integrará ese traballo no resultado final global do proxecto.

Nos proxectos da modalidade colectiva do artigo 1.1.b), se se opta por contar cun organismo intermedio, serán subvencionables os gastos de coordinación do proxecto ata un máximo de 1.000 €/empresa (IVE excluído) participante no proxecto, co límite total de 6.000 €. Ese importe considerarase gasto subvencionable de consultoría externa e dividirase entre todas as pemes participantes.

2. As pemes beneficiarias de subvención deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % do importe subvencionable, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

3. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos importes alegados sobre os cales se solicita subvención poderá ser incorrido con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. Para tal efecto, o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda a que se refire o artigo 8 destas bases. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables. Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

4. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá, en ningún caso, superar a data para a execución dos proxectos establecida na resolución de convocatoria.

5. Se é o caso, os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

Contía da axuda

1. Investimentos: a subvención será do 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25 % para as medianas.

2. Colaboracións externas: a subvención será do 50 % dos gastos de colaboracións externas en servizos de consultoría ou certificación subvencionables para ambas as categorías de empresa, pequenas e medianas. Os gastos do organismo intermedio previstos no artigo 3.1.f), de existiren, terán tamén a consideración de colaboracións externas.

O prazo de presentación de solicitudes, que en ningún caso será inferior a un mes, iniciarase o día hábil seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia desde as 8.00 horas e ata as 14.00 horas do día 15 de setembro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240508/AnuncioO92-260424-0001_gl.pdf