CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL
ORDE do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/25 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).
O procedemento administrativo ED330B comprende:
a) A participación no fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (en diante EP) e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (en diante ESO). Nestes cursos manteranse os libros de texto do curso escolar 2023/24.
b) A convocatoria de axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial (en diante, EE), así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído nas disposicións adicionais primeira e segunda desta orde.
c) A convocatoria de axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.
Corresponderá aos centros docentes sostidos con fondos públicos, a través da aplicación informática Fondolibros, tramitar as solicitudes de participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar (ED330B) e realizar os demais actos de xestión previstos nesta orde.
Presentación de solicitudes
1. Poderán presentar solicitudes de participación do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar (modelo ED330B) os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.2. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa coa que conviva en acollemento familiar.
2. A solicitude será única para todos os fillos e fillas e, de ser o caso, tutelados e tuteladas, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2024/25, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, en que se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2024/25.
No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación Fondolibros,k será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno aínda que estean escolarizados no mesmo centro. Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2024/25, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2023/24.
O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 21 de xuño de 2024 (este incluído).
chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240520/AnuncioG0761-080524-0003_gl.pdf