CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN
ORDE do 27 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR802R).
Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo
1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos, as sociedades laborais ou cooperativas que xurdan dalgún dos procesos que se detallan a continuación:
a) Constitución por ausencia de remuda xeracional: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultaren extinguidos por causa de crise ou xubilación da súa persoa empregadora (entendéndose como tal as sociedades de capital, sociedades civís, persoas autónomas e asociacións que estivesen desenvolvendo unha actividade económica).
b) Constitución por persoas autónomas: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, que estean integradas na súa totalidade por persoas traballadoras autónomas que xa estivesen a realizar unha actividade laboral e, polo tanto, estean en situación de alta no correspondente réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional.
c) Constitución por transformación:
c.1) Transformación de todo tipo de sociedades en cooperativas ou sociedades laborais debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude. Esta transformación acordaraa a xunta xeral, ou mediante sistema válido equivalente para expresar a vontade social, coa maioría exixida pola súa lexislación aplicable, que se fará constar en escritura pública de transformación que expresará, necesariamente, o cumprimento de todos os requisitos exixidos pola lexislación para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral. Achegarase esta escritura pública de transformación xunto coa acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
c.2) Procesos de adquisición da totalidade do capital integrante dunha sociedade mediante compravenda das súas participacións ou accións por parte, fundamentalmente, das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial do seu obxecto social e de transformación nunha sociedade laboral ou nunha cooperativa logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de modificación estatutaria precisos para a súa transformación en sociedade laboral; ou logo de adopción, elevacióna público e inscrición dos acordos de reestruturación societaria e modificación estatutaria precisos para a súa transformación en cooperativa. A transformación en cooperativa ou sociedade laboral deberá estar debidamente inscrita no rexistro correspondente na data da solicitude.
Conceptos subvencionables
1. Asesoramento legal para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral, así como para a transformación nunha destas entidades de economía social. Os gastos de rexistro, notaría e os informes legalmente preceptivos para o proceso de transformación.
2. Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.
3. Obtención de certificacións de calidade.
4. Márketing, comunicación ou relanzamento comercial.
5. Plan de protección de datos.
6. Equipamento informático.
7. Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.
8. Mellora na eficiencia enerxética.
9. Adquisición de equipamento.
10. Reforma do local de negocio.
11. Mobiliario.
12. Elementos de transporte. Os servizos descritos nos números 1, 2, 3, 4 e 5 deberán estar implantados no período de execución.
En ningún caso será gasto subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) nin outro imposto indirecto cando sexa susceptible de recuperación ou compensación, de conformidade co artigo 31.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Contía das axudas
1. A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:
• 4.000 € para o gastos incluídos no concepto 1 do artigo 6.
• 5.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 2, 3, 4 e 5 do artigo 6.
O límite máximo das axudas para os gastos subvencionables especificados no artigo 6 establécese en 50.000 € por entidade beneficiaria.
No caso de que se solicite unha contía superior, concederase o importe de axuda de acordo coa orde de prelación dos gastos establecida no artigo 6 desta orde.
2. A contía da axuda do punto 1 deste artigo poderá incrementarse en 3.000 € por cada una das condicións que se cumpra das que se sinalan a continuación, cun máximo de 24.000 euros por entidade beneficiaria: a) 3.000 € no caso de que a sede social da entidade beneficiaria estea situada nun concello rural.
b) 3.000 € no caso das entidades beneficiarias que estean formadas maioritariamente por mulleres.
c) 3.000 no caso de que na actividade económica da nova entidade beneficiaria as mulleres contratadas nos grupos ocupacionais se atopen subrepresentadas.
d) 3.000 € no caso das entidades que estean formadas maioritariamente por persoas menores de 30 anos na data de solicitude da axuda.
e) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas emigrantes retornadas.
f) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas maiores de 45 anos.
g) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas con discapacidade.
h) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas trans.
3. A axuda total para cada entidade beneficiaria polos conceptos recollidos nos puntos 1 e 2 deste artigo non poderá exceder os 74.000 euros.
O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda comezará a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 16 de setembro de 2024, salvo que se produza o suposto de esgotamento do crédito orzamentario.
chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240610/AnuncioG0767-290524-0001_gl.pdf