CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN
ORDE do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR349F)
A finalidade do programa é favorecer a creación de novos empregos estables e contribuír ao crecemento de pequenas unidades produtivas con potencialidade para a creación de emprego, a través da concesión dunha contía fixa que contribúa a que as persoas autónomas fagan fronte á contratación de persoas traballadoras. Este programa inclúe dous tipos de axudas compatibles entre si:
1. Bono de contratación, cuxas particularidades se recollen no capítulo II desta orde, e por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
2. Bono de formación (opcional), cuxas particularidades se recollen no capítulo III desta orde, e por medio do cal se proporcionará unha subvención ás persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, para que leven a cabo accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio desta orde, co obxecto de mellorar os seus coñecementos e as habilidades relacionadas co posto de traballo.
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día 24 de xaneiro de 2025 e rematará o 30 de setembro de 2025.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250117/AnuncioG0767-271224-0011_gl.pdf