XUNTA DE GALICIA CONVOCA A TARXETA BENVIDA 2025 (2)

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

ORDE do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B)

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) e que se atopen nun dos seguintes supostos:

a) Estar na semana 21 ou posterior de xestación entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.

b) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.

c) Ter constituída a adopción, acollemento familiar permanente ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun o máis menores de ata tres anos de idade entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2025.

3. Igualmente, aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 € nas convocatorias dos anos 2023 e 2024 e non accedesen a ela no segundo ano de vida e ata que o neno faga os tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da resolución nos supostos de adopción ou garda con fins adoptivos por superar os ingresos previstos para iso, poderán beneficiarse na presente convocatoria das contías previstas no artigo 4.2, no caso de experimentar unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas.

O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1 de xaneiro de 2025 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda faga os tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

Así mesmo, aquelas familias que non optasen á dita axuda nas referidas convocatorias, por superar os ingresos previstos no artigo 5.1.b), e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar e concorran á presente convocatoria, poderán beneficiarse das contías previstas no artigo 4.2 nos termos establecidos no punto anterior.

Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano, a razón de 100 €/mes. No suposto de que o fillo ou filla que dá dereito á axuda sexa o/a terceiro/a ou sucesivo/a da unidade familiar, a contía da axuda será de 2.400 €.

Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. Para estes efectos, considerarase cumprido o requisito de residencia habitual co empadroamento efectivo nun concello de Galicia.

b) Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 €. No suposto de que esta contía fose superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500 €.

c) Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 € para ter dereito á contía da axuda prevista no artigo 4.2.

d) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual nun concello cunha poboación inferior a 5.000 habitantes para ter dereito ao incremento da axuda prevista no artigo 4.3.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede. xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produza o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día en que se ditou a resolución de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente.

No suposto de muller xestante, en calquera momento do ano 2025, sempre que supere as 21 semanas de xestación.

Orde da convocatoria: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0762-140125-0001_gl.pdf

Solicitude: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS403B&ano=2025&numpub=1&lang=gl

No caso do CONCELLO DA ESTRADA podes dirixirte ao departamento de SERVIZOS SOCIAIS