CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN
RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia no Camiño, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR930D).
Poderán participar no programa Conecta con Galicia no Camiño, que se desenvolverá entre os días 19 e 31 de xullo do ano en curso, ata un total de 120 mozas e mozos galegos con idades comprendidas entre os 18 e os 21 anos na data do inicio. Destas prazas, 96 resérvanse para residentes no estranxeiro e 24 para aqueles que residan en Galicia.
Con carácter xeral, poderán optar a unha praza para participar neste programa os mozos e as mozas con residencia habitual no estranxeiro que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter unha idade comprendida entre os 18 e os 21 anos o día 19 de xullo de 2025.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendentes de persoa emigrante galega residente no exterior.
c) Ter a nacionalidade española.
d) Encontrarse vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de tres (3) meses contados desde o día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
e) Carecer de discapacidades e outros impedimentos que lles impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.
Gastos subvencionables: viaxes, estadía e actividades do programa.
A Secretaría Xeral da Emigración faise cargo da organización da viaxe, dos traslados en avión das persoas participantes residentes no estranxeiro, mediante o financiamento total ou parcial do custo dos voos de ida e volta, así como tamén, no caso de persoas que residan a máis de 400 km dos aeroportos internacionais, dos voos internos dentro do país ata o aeroporto de saída. As viaxes en avión desde o país de residencia e de volta a este serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia. Así mesmo, inclúese o transporte daquelas beneficiarias que realicen un retorno inmediato desde a residencia ata o aeroporto de saída. Todos os gastos das persoas que opten por regresar quince (15) días despois do remate das actividades do programa serán pola súa conta (aloxamento, manutención e traslados, incluíndo o transporte ata o aeroporto de retorno). A Secretaría Xeral da Emigración faise cargo tamén dos gastos derivados do desenvolvemento das actividades do programa e da manutención de todas as persoas participantes durante os días festivos e fins de semana.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora na execución deste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias os servizos de manutención, en réxime de pensión completa, durante os días laborables, e do aloxamento nas residencias xuvenís de Altamar (situada en Vigo), e na residencia Florentino López Cuevillas (situada en Ourense), durante toda a estadía.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250321/AnuncioG0767-030325-0001_gl.pdf