OBXECTIVOS XERAIS:
• Contribuír ao nacemento, arranque e consolidación de novas empresas.
• Favorecer a xeración de postos de traballo.
• Promover a diversificación da estrutura produtiva local, favorecendo a instalación de empresas de carácter innovador.
• Crear un medio idóneo -en condicións de prezos e servizos- que permita ás iniciativas empresariais desenvolver o seu Plan de Empresa para que, cun tempo de estancia limitado, estean en situación de competir e actuar en condicións do mercado.
• Ser un instrumento de apoio eficaz para aquelas iniciativas empresariais que, polas características da súa actividade, non precisan dun gran espazo físico de ubicación, pero si da infaestrutura, a loxística e os servizos que oferta o Viveiro de Empresas.
• Contribuír ao desenvolvemento e á dinamización do Concello da Estrada e das instalacións do Novo Mercado.
OBXECTIVOS ESPECÍFICOS:
• Programar visitas preliminares ás instalacións do Viveiro de Empresas con potenciais emprendedores para coñecer as súas suxestións, aportacións e necesidades, de xeito que permitan enriquecer o proxecto.
• Pór en marcha o proceso de selección da bolsa de empresas e de ocupación dos espazos ofertados antes de finais do mes de xuño de 2015.
• Acadar a plena ocupación da totalidade dos espazos/oficinas ofertados polo Viveiro de Empresas nun horizonte de 24 meses.
• Realizar alomenos unha acción formativa anual sobre emprendemento e unha charla informativa sobre o Viveiro de Empresas nos centros educativos de ensino secundario e formación profesional existentes no municipio.
• Definir un modelo de autoxestión do Viveiro que minimice a necesidade de aportacións orzamentarias por parte do Concello da Estrada ou da Fundación Cultural e permita xerar sinerxias e colaboracións con outras entidades públicas e/ou privadas vencelladas ao emprendemento e a actividade empresarial: Asociación Comarcal de Empresarios, Asociación de Fabricantes e Comerciantes de Moble, Asociación de Comerciantes da Estrada, Instituto Galego de Promoción Económica, Fundación Incyde, Cámaras de Comercio, etc.
• Establecer unha programación formativa estable para orientar, asesorar, apoiar e motivar aos emprendedores.