Desde 2018, España viviu unha transformación profunda no seu mercado laboral. Un dos cambios máis relevantes foi a forte subida do Salario Mínimo Interprofesional, que pasou de 735,90 euros mensuais en 2018 a 1.221 euros mensuais en 2026, en 14 pagas. É dicir, unha suba superior ao 65 % en oito anos.
Esta mellora salarial beneficiou especialmente ás persoas traballadoras con menores ingresos, moitas delas mulleres, persoas novas e traballadores de sectores tradicionalmente máis precarizados. A mensaxe é clara: subir salarios non significa destruír emprego; ao contrario, nos últimos anos España demostrou que é posible avanzar en dereitos laborais ao tempo que se crea emprego.
Os datos de paro amosan esa evolución positiva. En xuño de 2026, o paro rexistrado baixou ata as 2.291.982 persoas, situándose por baixo dos 2,3 millóns por primeira vez desde 2008, mentres a afiliación á Seguridade Social acadou arredor de 22,4 millóns de persoas ocupadas.
España ten hoxe salarios mínimos máis dignos, máis persoas traballando e menos persoas desempregadas.
Cómpre sinalar que a caída do paro non se explica unicamente pola subida do SMI. Tamén influíron a recuperación económica, a reforma laboral, a contratación indefinida, o dinamismo dos servizos e as políticas públicas de emprego. Pero o que si demostran os datos é que a mellora do salario mínimo foi compatible cunha evolución positiva do emprego.
En definitiva, a subida do Salario Mínimo Interprofesional representa unha aposta por un modelo laboral máis xusto: un modelo no que traballar debe permitir vivir con dignidade, no que o crecemento económico se reparte mellor e no que a creación de emprego non se constrúe sobre salarios baixos, senón sobre máis estabilidade, máis dereitos e mellores condicións laborais.
EVOLUCIÓN DA SUBIDA DO SMI
En 2018, o SMI situábase en 735,90 euros mensuais en 14 pagas.
Tras sucesivas actualizacións anuais, pasou a 900 euros en 2019,
950 euros en 2020 E 2021,
1.000 euros no 2022
1.080 euros no 2023
1.134 euros en 2024
1.184 euros no 2025
1.221 euros en 2026,
O que supón un incremento acumulado próximo ao 66 % respecto ao nivel existente en 2018. Segundo o Ministerio de Traballo, este incremento supera amplamente a evolución da inflación no mesmo período, incrementando tamén o poder adquisitivo dos salarios máis baixos.
Durante estes mesmos anos, lonxe de producirse unha destrución xeneralizada de emprego, España rexistrou unha evolución positiva do mercado laboral. O paro rexistrado reduciuse desde niveis superiores aos tres millóns de persoas en 2018 ata situarse arredor dos 2,4 millóns de persoas en 2026, acadando algúns dos mellores rexistros dos últimos dezaoito anos. Paralelamente, a afiliación á Seguridade Social superou por primeira vez os 22 millóns de persoas ocupadas, reflectindo unha creación sostida de emprego.
