O tempo que millóns de españois dedicaron ao servizo militar obrigatorio unicamente tense en conta para a xubilación anticipada. Explicamos como obter o certificado que permite contabilizar ata un ano de cotización adicional.
A norma xeral é que o período de “mili” obrigatoria non se ten en conta para as cotizacións da pensión de xubilación. Son meses, ou máis dun ano nalgúns casos, nos que o mozo nin puido traballar pola súa conta, nin o seu traballo no exército serviu para aumentar as súas cotizacións.
A lexislación é consciente de que hai unha débeda histórica do Estado con millóns de traballadores polo tempo que dedicaron a un servizo público polo que non recibían retribución. Na disposición adicional 28ª da lei 27/2011, cuxo cumprimento se apraza ano tras ano, ínstase a que se estableza un sistema que “compense a interrupción das carreiras de cotización de quen realizou o servizo militar obrigatorio ou a prestación social sustitutoria”.
Mentres chega a lei que faga realidade esa compensación pendente, o tempo dedicado á mili ou á prestación, tan só serve para os casos de xubilación anticipada, nos que permite sumar ata un ano de tempo cotizado engadido ao que xa teña o traballador.
- Como solicitar o certificado do servizo militar realizado. O Ministerio de Defensa ten xa preparado un modelo estándar para solicitar este certificado. Tecnicamente denomínase “certificado de servizos para o cómputo reciproco de cotizacións con outros réximes de Seguridade Social.”
O impreso pode solicitarse e presentarse nas Delegacións e Subdelegacións Provinciais do Ministerio de Defensa, ou mediante un escrito certificado enviado desde Correos ás devanditas Delegacións. Nesta ligazón pode consultarse o directorio
*Debes presentar a túa solicitude na delegación provincial que che sexa da aplicación. No caso da Estrada, na de Pontevedra
Xunto á instancia hai que acompañar a seguinte documentación:
- Orixinal e fotocopia do DNI
- Orixinal e fotocopia da cartilla do servizo militar (a branca). En caso de non dispoñer dela, habería que solicitar un duplicado ao acuartelamento no que se realizou o servizo ou á unidade que o substituíra.
A compulsa das fotocopias faise na propia oficina militar onde se entrega a instancia ou na oficina de Correos, se se envía a solicitude por esa vía. Unha vez recibida a Instancia, o Ministerio de Defensa enviará o certificado por correo postal ao traballador.
Se tes algunha dúbida podes chamar directamente á DELEGACIÓN DE DEFENSA EN GALICIA: 981 121 752
De luns a venres: de 8:30 a 14:30 h.