AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA CONVOCA O PROGRAMA DE EMISIÓN DE BONOS DIXITAIS PARA COLECTIVOS VULNERABLES (PROGRAMA UNICO- BONO SOCIAL)

AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para 2024 (código de procedemento AP400A).

O prazo para presentar as solicitudes dos bonos dixitais comezará o día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución e rematará o 30 de setembro de 2024

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (Risga) da Xunta de Galicia ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno de España.

2. Así mesmo, tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que estea en situación ou risco de exclusión social. No caso da exclusión social, verificarase a concorrencia adicional dalgún dos factores de exclusión establecidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.

3. Considerarase ausencia ou déficit grave de recursos económicos cando o nivel de renda do solicitante sexa igual ou inferior a:

a) 1,25 veces o IPREM, se non hai menores na unidade familiar

b) 1,75 veces o IPREM, se hai menores na unidade familiar.

4. En calquera caso, os beneficiarios deberán estar empadroados e ter residencia constatada polos servizos sociais comunitarios básicos en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor.

6. Só se poderá conceder un bono dixital por persoa física e por unidade familiar. Entenderase por unidade familiar, segundo o establecido no artigo 82 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio:

a) A integrada polos cónxuxes non separados legalmente e, se os houber: 1º. Os fillos menores, con excepción dos que, co consentimento dos pais, vivan independentes destes. 2º. Os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

b) Nos casos de separación legal, ou cando non existise vínculo matrimonial, a formada polo pai ou a nai e todos os fillos que convivan cun ou outro e que reúnan os requisitos a que se refire a letra a) deste artigo.

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240628/AnuncioG0177-210624-0001_gl.pdf