AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA
RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, e se anuncia a súa convocatoria con carácter plurianual (2026-2027) (código de procedemento TU986B)
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas que teñan a condición de peme que sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
Serán actuacións subvencionables aquelas que consigan unha redución da demanda enerxética actuando na envolvente térmica do edificio completo, dun local ou sobre partes dun edificio destinado a establecemento turístico.
O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses e iniciarase ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
O prazo finalizará ás 20.00 horas do día en que se cumpran tres meses desde a data de inicio do prazo, excepto cando se produza o esgotamento do crédito. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260831/AnuncioG0256-180826-0001_gl.pdf

