CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE
ORDE do 15 de maio de 2026 pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública de prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas para o 2026 (código de procedemento PL500F).
A contratación por parte das universidades das persoas seleccionadas abranguerá, como máximo, un período que non excederá os 3 anos.
O programa de formación, que terá un marcado carácter práctico, estará integrado por actividades relacionadas coa docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas. As persoas adxudicatarias desenvolverán estas actividades no marco do convenio asinado coas universidades de destino, baixo a dirección da persoa responsable do centro de estudos galegos e en permanente coordinación con este.
Poderá solicitar calquera das prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
• Licenciatura en Filoloxía Galega.
• Licenciatura en Filoloxía Románica.
• Grao en Lingua e Literatura Galegas.
• Grao en Estudos de Galego e Español.
• Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios.
• Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española.
• Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.
Tamén se poderá presentar quen estea en posesión dalgunha das titulacións da área de Humanidades ou da área de Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que posúa o Celga 5 ou 18 créditos de lingua galega e mais o Celga 4.
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260529/AnuncioG0766-150526-0004_gl.pdf
