IGAPE CONVOCA O PROGRAMA DE ADQUISICIÓN DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS EN MATERIA DE INTERNACIONALIZACIÓN EMPRESARIAL

26. 07. 07

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2026 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026-2027-2028 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG414A).

Persoas beneficiarias

Deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter menos de 35 anos na data de presentación da solicitude.

2. Ter nacido/a en Galicia e estar nacionalizado/a nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroado/a nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia cun ano de antigüidade á data de publicación das bases.

3. Estar en posesión dalgunha titulación universitaria superior de grao e que permita o acceso aos estudos oficiais de máster universitario de acordo co establecido no Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización do ensino universitario e o procedemento de aseguramento da súa calidade:

i. Título universitario oficial de graduada ou graduado español.

ii. Títulos procedentes de sistemas educativos que non formen parte do EEES, que equivalen ao título de grao. Así mesmo, é imprescindible acreditar un mínimo de 240 ECTS en todos os casos.

A titulación pódese obter e acreditar ata cinco (5) días despois da publicación da resolución de concesión; a non presentación suporá a imposibilidade de ser persoa beneficiaria da bolsa.

Condicións da bolsa

1. Duración. A duración da bolsa establécese nun máximo de once (11) meses, contados desde xaneiro a decembro de 2027, prorrogables, se é o caso, por petición da persoa bolseira, por un máximo de once (11) meses adicionais e sen exceder nunca o 30 de decembro de 2028, en función da necesidade de finalizar ou completar unha parte da formación que xa comezase ou estivese a piques de comezar.

O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será dun mes, contado desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o dito prazo dun mes.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260707/AnuncioO92-230626-0002_gl.pdf