O CiMUS convoca a IV Edición do seu Programa de Bolsas de Verán « CiMUS Summer School», ofrecendo 15 axudas, oito delas para alumnado da USC, dirixidas a estudantes de grao que desexen ter a súa primeira experiencia investigadora no campo da Ciencias da Vida. As bolsas, ofertadas tamén polos outros centros singulares da USC ( CiQUS, CiTIUS e IGFAE), teñen como obxectivo o financiamento de estancias de investigación no CiMUS durante o próximo mes de xullo.
Durante a estancia, as persoas candidatas seleccionadas terán a oportunidade de desenvolver un breve proxecto de investigación baixo a supervisión dun/ha investigador/a principal do Centro, enmarcado nas áreas de investigación do CiMUS como Cancro, Cardio-Metabolismo, Neurociencias, Xenómica, Descubrimento de fármacos, Medicina regenerativa ou administración de fármacos. A finalidade é que os estudantes se integren nun entoo de investigación dinámico e competitivo e traballen en temáticas na fronteira do coñecemento. Ademais, poderán participar en todas as actividades científicas do Centro.
As bolsas están dotadas con 750 € brutos máis unha axuda para alumnos/ as non residentes en Santiago de Compostela destinada ao financiamento dos gastos de transporte, cun importe máximo de 200 € para estudantes de fóra de Galicia e ata 80 € para estudantes residentes noutros municipios de Galicia.
REQUISITOS
Os/ as candidatos/ as deberán superar o 55% dos créditos dos seus estudos de grao en Bioloxía, Farmacia, Medicina, Química ou doutra titulación relacionada, de calquera universidade, cunha nota media igual ou superior a 8,0.
SOLICITUDES
Os/ as interesados/ as deberán remitir a documentación requirida a través da Sede electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, usando o formulario de solicitude dispoñible na seguinte dirección (formulario) dirixido ao Servizo de Convocatorias e Recursos Humanos de I+D, desde o sábado 15 de maio ata o venres 21 de maio ás 23:59 h ( CEST). Xunto ao formulario de solicitude deberá anexarse a seguinte documentación:
Copia do expediente académico do grao ou título equivalente no que consten as cualificacións obtidas e con expresión da nota media en base 10. No suposto de realizar estudos no estranxeiro nun idioma diferente ao inglés, o expediente deberá presentarse coa tradución oficial ao español ou galego.
Copia do xustificante de matrícula correspondente ao curso 2020/2021 ou documento acreditativo expedido pola universidade correspondente.
Currículo vitae da persoa solicitante.
Carta de motivación coa expresión do interese na obtención da bolsa.
Selección por orde de preferencia de 5 grupos de investigación elegibles do centro.
A ordenación das solicitudes farase de acordo cos seguintes criterios, sobre unha puntuación máxima de 10 puntos:
Expediente académico da persoa solicitante, que supoñerán o 70% da valoración obtida.
Currículo vitae presentando, no que se terán en conta as publicacións, premios e a formación relacionada co obxecto das bolsas, entre outros aspectos. Este apartado supoñerá o 20% da valoración obtida.
Expresión de interese das persoas aspirantes formulada na carta de presentación, que supoñerá o 10% da valoración obtida.
Máis información nas bases reguladoras ( BASES), na sección de ofertas de emprego (aquí) ou enviando un correo a cimus.xestion@usc indicando no asunto SUMMER2021
https://www.usc.es/cimus/es/empleo/becas-de-verano-del-cimus-iv-edicion