XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS DE MOBILIDADE COMPLEMENTARIAS ÁS ACHEGADAS POLA UNIÓN EUROPEA NO MARCO DO PROGRAMA COMUNITARIO ERASMUS+

22. 03. 04

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 21 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2021/22 (código de procedemento ED322A).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2021/22 (código de procedemento ED322A).

Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado/a no curso 2021/22 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2021/22.

c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade no seu país de orixe.

Así mesmo, queda excluído da convocatoria o alumnado que non se desprace ao país de destino recibindo a formación virtual en Galicia.

Duración e contía das axudas 

O programa de mobilidade para o que se solicita a bolsa será realizado durante o curso académico 2021/22.

As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de dous meses.

As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:

a) De 195 €/mes para un país de destino do grupo 1.

b) De 165 €/mes para un país de destino do grupo 2.

c) De 125 €/mes para un país de destino do grupo 3.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220304/AnuncioG0598-210222-0001_gl.pdf