XUNTA DE GALICIA CONVOCA BOLSAS PARA PERSOAS COLABORADORAS NA RESIDENCIA DO CENTRO GALEGO DE TECNIFICACIÓN DEPORTIVA

22. 08. 25

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 8 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2022/23, e se realiza á súa convocatoria (código de procedemento DE400A).

Estas bolsas estarán destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior que colaborarán na residencia do CGTD, co fin de dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial a residencia para a atención dos deportistas menores de idade. Os beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.

Poderán ser beneficiarios/as das bolsas para persoal de apoio no CGTD todas aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter entre 18 e 30 anos no momento de presentar a solicitude.

b) Estar empadroado en Galicia no momento de presentar a solicitude.

c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade, escola universitaria ou nun ciclo formativo.

d) Non ser beneficiarias dunha bolsa como deportista no CGTD no momento da solicitude.

e) Estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.

f) No caso de estudantes que tivesen bolsa como deportistas na residencia do CGTD, será necesario:

– Que a súa estadía no CGTD fose valorada como positiva polo equipo directivo do centro.

– Que pasase polo menos 1 ano desde o remate da súa estadía como deportistas bolseiros ata a presentación da solicitude como persoal de apoio.

g) Supletoriamente, no caso de non cubrir as prazas cos requisitos anteriores, poderanse ter en conta solicitudes de persoas que foran bolseiros no CGTD con anterioridade e que estean cursando estudos non oficiais.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220825/AnuncioV0654-090822-0001_gl.pdf