XUNTA DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS INDIVIDUAIS DESTINADAS AO PROGRAMA DE MOBILIDADE TRANSNACIONAL XUVENIL GALEUROPA, DESTINADAS A PERSOAS MOZAS INSCRITAS NO SISTEMA NACIONAL DE GARANTÍA XUVENIL (FONDOS EUROPEOS)

22. 08. 30

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 10 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións individuais destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, dirixido ás persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Fondo Social Europeo, programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS324A).

Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento de concesión de subvencións individuais para o programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, para a realización de prácticas formativas non laborais por persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil (en diante, SNGX) en entidades ou empresas públicas ou privadas en países europeos, con cargo ao programa operativo de emprego xuvenil. O procedemento de concesión das subvencións será en réxime de concorrencia competitiva e conforme os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación.

A finalidade do programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa é fomentar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas mozas inscritas no SNGX que non estean ocupadas nin integradas nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación e á adquisición da experiencia profesional necesaria para a súa incorporación ao mercado de traballo dunha maneira duradeira no tempo. Ademais, a mobilidade transnacional apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros que contribúen a aumentar a empregabilidade das persoas mozas.

A realización das prácticas formativas poderá xerar o dereito a solicitar a expedición do certificado de experiencias en educación non formal en materia de mocidade, de conformidade co establecido na Orde do 26 de febreiro de 2015 pola que se regula o certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude.

Poderán solicitar as axudas as persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

a) Ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do SNGX, de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

c) Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia na data de presentación da solicitude.

O período de realización de prácticas formativas non laborais nas empresas ou entidades de países europeos será como mínimo de dous (2) meses e como máximo de tres (3) meses consecutivos, agás causa xustificada motivada por escrito.

Os meses non naturais (cando non comezan no primeiro día do mes) contaranse desde o día de inicio das prácticas do mes en curso ata o mesmo día do mes seguinte.

Serán obxecto de subvención todos aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen dentro do período subvencionable, que abrangue desde a publicación das bases no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de novembro de 2022. 

As prácticas poderán comezar a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, sempre que as persoas beneficiarias presenten o anexo II de aceptación da subvención e entreguen o anexo III de aceptación da empresa de prácticas. Deberán finalizar, como data límite, o 30 de novembro de 2022. O tempo de interrupción quedaría excluído do período de prácticas e non xera ningún dereito económico para as persoas beneficiarias.

Serán gastos subvencionables para a realización das prácticas os relativos a manutención e aloxamento, seguros, gastos de desprazamento e transporte local no país de destino de prácticas das persoas mozas participantes, incluíndo a subvención para o apoio lingüístico. Deberanse realizar no período subvencionable establecido no número 2 do artigo anterior.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220830/AnuncioG0657-120822-0001_gl.pdf