XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS DE MOBILIDADE COMPLEMENTARIAS ÁS ACHEGADAS POLA UNIÓN EUROPEA NO MARCO DO PROGRAMA COMUNITARIO ERASMUS+ AO ALUMNADO QUE CURSE ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES

24. 04. 02

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 11 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2023/24 (código de procedemento ED322A).

Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado/a en estudos conducentes a unha titulación de grao en ensinanzas artísticas superiores (nivel MECES 2) no curso 2023/24 en calquera dos centros públicos de ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2023/24. c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española ou con dobre nacionalidade, realice a mobilidade nos seus países de orixe ou nalgún país do cal é nacional.

Así mesmo, queda excluído da convocatoria o alumnado que non se desprace ao país de destino.

Duración e contía das axudas

1. O programa de mobilidade para o cal se solicita a bolsa será realizado durante o curso académico 2023/24.

2. As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de dous meses.

3. As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:

a) De 195 €/mes para un país de destino do grupo 1.

b) De 165 €/mes para un país de destino do grupo 2.

c) De 125 €/mes para un país de destino do grupo 3.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240402/AnuncioG0655-120324-0003_gl.pdf