XUNTA DE GALICIA CONVOCA 6 BOLSAS DE FORMACIÓN DE PERSOAS EXPERTAS EN COOPERACIÓN INTERNACIONAL PARA O DESENVOLVEMENTO

24. 05. 10

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

ORDE do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR809A).

Os destinos das bolsas serán en Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou, fóra desta, nas oficinas da cooperación española (OCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter veciñanza administrativa en Galicia.

b) Estar en posesión dun título universitario oficial de grao, licenciatura, diplomatura, arquitectura, enxeñaría ou equivalente. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os ditos estudos no ano 2015 ou posterior.

c) Non ter desfrutado anteriormente doutra bolsa de formación no eido da cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia, excepto que nalgunha convocatoria anterior fose chamado da lista de reserva e desfrutase da bolsa por un período de tempo non superior a tres (3) meses.

d) Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa, calquera que sexa esta ou, no caso de ter emprego remunerado ou desfrutar doutra bolsa, presentar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade á aceptación da bolsa.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectadas por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas para as cales se convocan as bolsas.

f) Non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 xuño).

O prazo para a presentación da solicitude e da documentación requirida na base cuarta será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240510/AnuncioG0759-290424-0001_gl.pdf