Dende o Programa Integrado para o Emprego A ESTRADA ACTIVA subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado pola Fundación Cultural da Estrada seguimos traballando pola inserción laboral coa realización de accións formativas que se programaron no cronograma do proxecto. No mes de abril levamos a cabo as seguintes accións:
- Inglés: Continuación coas clases, tanto o nivel básico como avanzado tódalas semanas, nas cales, entre outros temas, practícanse entrevistas en inglés, conversacións telefónicas, cartas e correos electrónicos formais…
- Clases de apoio a E.S.O. e Competencias Clave Dúas persoas pertencentes ao Plan Integrado a Estrada Activa comezaron a E.S.O. no réxime de adultos no mes de novembro. Dado que a matrícula se realizou dous meses despois de comezar as clases e que un dos usuarios ten estudos primarios se están a impartir estas clases de apoio para acadar que rematen a educación secundaria obrigatoria e se poidan presentar as competencias clave de nivel III.
- Técnicas de procura de emprego: Taller para tódalas persoas usuarias do Programa Integrado que estaban interesadas en como procurar emprego a través da rede de internet, revisando as webs máis empregadas así como os boletíns semanais de emprego.
- Módulo de creación de empresas: Seis sesións de traballo nas que se axudou a desenvolver un plan de negocio para unha usuaria do Plan que pretende poñer a súa empresa en marcha, aportándolle ideas e diferentes puntos de vista para o seu proxecto.
Unha das labores fundamentais deste Programa Integrado para o Emprego é a intermediación laboral e prospección coas empresas.
Contactouse ata a actualidade con 164 empresas, nas que imos vendo as necesidades que teñen e os perfís dos usuarios do Plan co obxectivo de encaixar a oferta coa demanda.
Realízanse accións formativas “á carta”, dirixidas a dar unha cobertura a medida aos postos de traballo vacantes ou de nova creación.
Faise un seguimento das ofertas de traballo e interacción cos equipos de RRHH facilitando a información e o asesoramento técnico.
No que levamos de Programa Integrado 31 persoas incorporáronse ao mercado laboral en sectores como: panadería, peixería, carnicería, comercio, empresas de aluminio, perruquería, cociña, coidado de persoas maiores, oficinas e despachos.
Destes trinta e un usuarios:
-Doce realizaron un período de prácticas previamente a ser contratadas.
-Trece, comezaron xa cun contrato de traballo e
- Seis atoparon un traballo pola súa propia iniciativa
Actualmente nove persoas atópanse realizando prácticas en empresas, con posibilidades reais en moitos casos de converterse en contrato laboral ao remate das mesmas.
Dende o Concello da Estrada, xa estamos a traballar na procura dun novo Plan Integrado de Emprego.