O Programa Integrado de Emprego A Estrada Activa III é un programa subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado pola Fundación Cultural da Estrada que se puxo en marcha o 1 de decembro de 2017 e que rematará o próximo 30 de novembro de 2018.
O programa ten como compromiso a inserción laboral do 31% das persoas inscritas; un obxectivo que se agarda acadar.
Estamos, na actualidade, nas cifras semellantes ás dos anos anteriores, cando o primeiro programa pioneiro na Estrada logrou conseguir emprego a 45 dos 60 participantes no período comprendido entre o 1 de setembro de 2015 e o 31 de agosto de 2016, no seguinte chegouse a 51 de 60 no período
entre o 1 de setembro de 2016 e o 31 de agosto de 2017.
Cando as persoas participantes amosan un interese real e, con axuda do programa, a inserción acaba sendo un feito.
Nos seus sete primeiros meses de funcionamento, o programa realizou diferentes actividades formativas tanto a nivel individual como colectivas. Así, ao comezo do programa realizouse unha diagnose ocupacional de cada unhas das persoas participantes para coñecer os seus perfís profesionais e, en base a eles, axudarlles a elaborar currículos e cartas de presentación específicos para cada posto. Para iso desenvolvéronse sesións seguindo técnicas de coaching grupal e individual.
As persoas participantes interesadas tamén recibiron formación básica sobre prevención de riscos laborais de 60 horas de duración. Ademais, o programa ofreceu un curso teórico-práctico de operador de carretilla; talleres de preparación de entrevistas de traballo e dinámicas grupais; clases de niveis básico e avanzado de inglés; informática; manipulador de alimentos,; habilidades sociolaborais e motivación, entre outros. Por outra banda, as persoas inscritas neste programa poden completar o seu CV cunha plataforma de formación en liña na que se ofertan máis de 600 cursos.
O programa continúa coas accións individuais de todos/as os/as participantes, coa realización de visitas a empresas e co sistema de intermediación laboral levado a cabo desde a Fundación Cultural A Estrada, que permite adaptar a oferta á demanda laboral.
Por outra banda, cabe lembrar que unha ferramenta que está a funcionar moi ben é a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas, coa intención de que adquiran unha experiencia laboral da que as persoas participantes do PIE carecen, para que o/a empresario/a coñeza as súas destrezas ante un posto de traballo determinado.
No que levamos de programa, realizaron prácticas en empresas un total de 16 persoas (4 a día de hoxe) das que quedaron contratadas un total de 9.
En canto ás insercións laborais, tras sete meses de programa alcanzouse un índice de inserción do 57,29%. Un total de 47 das 85 persoas que iniciaron este programa de emprego incorporáronse ao mercado laboral en empresas pertencentes a diferentes actividades, como a limpeza, o aluminio, a hostalería, o comercio, a administración, a fábrica, as telecomunicacións e a asistencia telefónica, a gandeiría ou a alimentación, entre outros, segundo informaron hoxe os técnicos responsables do programa.