CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES
ORDE do 6 de marzo de 2026 sobre selección e nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.
A selección das persoas que desexen ser chamadas para cubrir postos de persoal funcionario interino realizarase mediante a inclusión das persoas seleccionadas en bolsas de ámbito provincial. Os/as candidatos/as figurarán na zona de preferencia indicada na súa solicitude.
Cada bolsa estará integrada polas persoas candidatas seleccionadas, ordenadas nunha lista en función da puntuación que obtivesen de conformidade co previsto no artigo 8 desta orde.
Formarase unha bolsa de persoal interino para cada un dos corpos de persoal funcionario indicados no artigo 1.1 e, seguindo a orde de lista desta bolsa, produciranse os nomeamentos como persoal funcionario interino.
No caso de se esgotar a bolsa indicada no número anterior, e mentres non existan persoas dispoñibles, ofreceráselles a posibilidade de aceptar voluntariamente o nomeamento aos/ás integrantes da bolsa do corpo inmediatamente superior, e subsidiariamente aos/ás do corpo inmediatamente inferior que posúan os requisitos exixidos para o posto concreto.
Se non hai persoas do corpo superior e/ou inferior da provincia, ofreceráselles a posibilidade de aceptar voluntariamente o nomeamento ás persoas integrantes das bolsas do mesmo corpo doutras provincias.
En segundo lugar, ofreceráselles aos/ás integrantes da bolsa do corpo inmediatamente superior doutras provincias, e subsidiariamente aos/ás do corpo inmediatamente inferior doutras provincias que posúan os requisitos exixidos para o posto concreto. Por último, poderase acudir ás listas do Servizo Público de Emprego da Comunidade Autónoma, que será baremado conforme o disposto no artigo 8 desta orde.
Os preceptos desta orde serán aplicables ao nomeamento de persoal interino para prestar servizos en postos de traballo dos centros de destino da Administración de xustiza radicados na Comunidade Autónoma de Galicia desempeñando funcións dos corpos xerais de funcionarios/as ao servizo da dita Administración.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260317/AnuncioG0759-060326-0005_gl.pdf

