Consellería de Emprego e Igualdade RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento SI440A).

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas, homes e mulleres (neste último caso só se son familias monoparentais), que no período comprendido entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive, se acollan á medida de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas menores de tres anos ou menores de 12 anos no suposto de que padezan unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.

No suposto de adopción ou de acollemento familiar, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou adopción e, en todo caso, a filla ou fillo terá que ser menor de 12 anos. 2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións:

a) Estar empadroado en Galicia, como mínimo desde o 1 de xaneiro de 2020 e manter esa situación durante todo o período subvencionado;

b) Convivir coa filla ou fillo;

c) De ser o caso, a persoa cónxuxe ou parella debe estar traballando;

d) Ter uns ingresos non superiores a 7 veces o IPREM segundo a declaración do IRPF do último período impositivo con prazo de presentación vencido (2019).

Accións subvencionables

1. A redución da xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. A redución de xornada terá que ser de polo menos o 12,5 % da xornada ou porcentaxe equivalente para o caso de que a xornada sexa a tempo parcial. Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que, cumprindo os requisitos establecidos neste artigo, adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

2. O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito (8) meses comprendidos entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive. Para determinar o período subvencionable, terase en conta o seguinte:

a) Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada en que se cumpran os requisitos entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive, co límite máximo de oito (8) meses. No caso de familias non monoparentais, para o cómputo do período total subvencionable terase en conta o disposto na letra c) do artigo 5.2 desta resolución.

b) O período para o cal se solicita a subvención non pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade da persoa solicitante ou da súa persoa cónxuxe ou parella. De se producir este suposto, o período coincidente non se terá en conta no cómputo do período subvencionable. Excepcionalmente, no caso de que a parella desfrute o permiso de maternidade a media xornada,para o cálculo do período subvencionable só se considerará como período coincidente a metade do período do permiso por maternidade. Non obstante, si se computará o período coincidente cando se trate do permiso de maternidade da persoa cónxuxe ou parella que estea orixinado polo nacemento ou acollida doutro fillo/a no transcurso do período subvencionable.

Contía das axudas

1. A contía desta axuda determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, en atención ao número de fillas e fillos a cargo da persoa solicitante, de acordo cos seguintes tramos:

a) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses): 1º. Cun fillo ou filla a cargo: 1.700 euros. 2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 2.000 euros. 3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 2.300 euros.

b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses): 1º. Cun fillo ou filla a cargo: 2.800 euros. 2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.100 euros. 3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % e ata o 50 % ou máis dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses): 1º. Cun fillo ou filla a cargo: 3.100 euros. 2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros. 3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.700 euros.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210702/AnuncioG0599-160621-0004_gl.pdf