XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS Á APICULTURA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 9 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2026 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Beneficiarias e requisitos

1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 3 da orde: a) As persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas que sexan integrantes de explotacións de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias, con exclusión das administracións ou entidades do sector público. Será requisito para a obtención das axudas:

1º. Levar realizando a actividade apícola con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude de axuda, fóra de quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data. Ademais, quedará exenta do requisito anterior a creación de figuras asociativas ou persoas xurídicas integradas por apicultores/as que o foran antes do 1 de xaneiro do ano da presentación da solicitude, ou a creación de explotacións de titularidade compartida en que un dos membros fose apicultor ou apicultora con anterioridade a esa data. No caso de fusións de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade a do titular con maior antigüidade.

2º. Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso das persoas apicultoras que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.

3º. Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e se regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.

4º. Disporen dun seguro de responsabilidade civil das colmeas.

5º. Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas.

6º. Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2025 antes do día 1 de marzo de 2026. As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas.

b) As agrupacións de apicultores/as, na medida en que os seus socios ou asociados beneficiarios das axudas cumpran cos requisitos establecidos na letra a) anterior. Ademais, para seren beneficiarias, a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.

2. Só poderá solicitarse axuda para a execución dunha acción determinada sobre unha mesma colmea, unha única vez por campaña apícola, independentemente de se a persoa solicita esa axuda a título individual ou como integrante dunha cooperativa ou agrupación de produtores. Non obstante, as persoas apicultoras incluídas na solicitude de axuda presentada por unha agrupación de apicultores/as, ben sexa para unha ou varias accións, non poderán solicitar a axuda como integrantes doutra agrupación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260130/AnuncioG0426-091225-0003_gl.pdf