Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de decembro de 2021,
agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
Poderán ser beneficiarias dos préstamos regulados nestas bases aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I.
c) Acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25 % do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.
Características dos proxectos que se van financiar
1. O Igape poderá financiar proxectos empresariais, ou outro tipo de actuacións vinculadas a unha actividade económica, viables para implantar na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran ademais os requisitos específicos establecidos no anexo I para cada modalidade de préstamo.
Serán financiables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude, e dentro do prazo concedido para a execución do proxecto.
2. Non serán financiables as simples substitucións de bens sen unha mellora produtiva, os traslados de centros produtivos que non supoñan unha mellora na capacidade produtiva ou na competitividade, os gastos de amortización, o saneamento de contas, nin o financiamento ou o refinanciamento de débedas.
3. Actividades financiables: os proxectos financiables deberán estar vinculados ás actividades establecidas como financiables, que serán as sinaladas no anexo I para cada unha das modalidades de préstamo, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210506/AnuncioO92-260421-0001_gl.pdf