CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA FACILITAR A MOBILIDADE XEOGRÁFICA DAS MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Consellería de Emprego e Igualdade
RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento SI451B).

O obxecto desta resolución é establecer as bases que rexerán a concesión de subvencións destinadas a facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero cando, a causa desa situación de violencia, se viran obrigadas a cambiar a súa residencia habitual como consecuencia da súa contratación por conta allea ou establecemento por conta propia.

A finalidade das axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sufriron violencia machista e apoialas no comezo dunha nova vida ou situación libre de violencia.

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución as mulleres vítimas de violencia de xénero que cumpran os seguintes requisitos:
1. Que acrediten a súa situación por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida no prazo dos 24 meses anteriores ao cambio de residencia.
Para os efectos desta resolución tamén terán a condición de vítima de violencia de xénero as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa.
2. Que teñan cesado a relación de convivencia co seu agresor.
3. Que a media dos ingresos brutos mensuais da solicitante non supere o límite do importe de 3,5 veces o IPREM vixente nos 6 meses anteriores á data de presentación da solicitude.

Unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima.

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2021.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210518/AnuncioG0599-050521-0001_gl.pdf