Consellería de Cultura, Educación e Universidade
ORDE do 6 de maio de 2021 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2021/22 (código de procedemento ED330B)
Esta orde ten por obxecto regular, no ámbito dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos e para o curso 2021/22, o procedemento administrativo ED330B relativo:
a) Á participación no fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º,
4º, 5º e 6º de educación primaria (en diante, EP) e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (en diante, ESO), cursos en que, necesariamente, se manterán os libros de texto do curso 2020/2021.
b) Á convocatoria de axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial (en diante, EE), así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído nas disposicións adicionais primeira e segunda desta orde.
c) Á convocatoria de axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.
O alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (E-DIXGAL) no curso 2021/22 está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, terá dereito á axuda para adquirir material escolar, así como ás establecidas nas disposicións adicionais primeira e segunda, se reúne os requisitos establecidos nesta orde.
Prazo: uniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xuño de 2021. O alumnado que se incorpore ao centro docente fóra deste prazo disporá dun mes contado a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. Non se poderán presentar solicitudes despois do 31 de marzo de 2022.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210520/AnuncioG0598-070521-0001_gl.pdf