CONVOCATORIA DAS BASES REGULADORAS DOS OBRADOIROS E DAS AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0

Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e
das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2021 susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia
2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de
procedemento IG300C)

Beneficiarios/as
As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), calquera que for a súa forma xurídica, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.1.b) das bases.

Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.1.a) das bases, os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia.

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha de proxectos cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha peme galega e outras empresas ou entre dúas ou máis pemes galegas como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación ou procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
a) Proxectos colectivos, en que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
1º. Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.
2º. Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión
integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.
b) Proxectos individuais en que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.
2º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares) e ciberseguridade.
3º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares).
Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b).

O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210601/AnuncioO92-180521-0001_gl.pdf