AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA CONVOCA AXUDAS CORRESPONDENTES AOS PROGRAMAS DE INCENTIVOS 1,2 E 3 VENCELLADOS AO AUTOCONSUMO E AO ALMACENAMENTO NO SECTOR SERVIZOS E NOUTROS SECTORES PRODUTIVOS ( PLAN DE RECUPERACIÓN, TRANSFORMACIÓN E RESILIENCIA

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo (código de procedemento IN421W).

A presente resolución ten por obxecto a aprobación da convocatoria de axudas correspondente as anualidades 2021-2023, para os programas 1, 2 e 3 de incentivos de autoconsumo e almacenamento de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 477/2021 publicado no BOE núm. 155, do 30 de xuño de 2021 (código de procedemento IN421W).

Pola presente convócanse axudas para as seguintes actuacións:

Programa de incentivos 1: realización de instalacións de autoconsumo, con fontes de enerxía renovable, no sector servizos, con ou sen almacenamento.

Programa de incentivos 2: realización de instalacións de autoconsumo, con fontes de enerxía renovable, noutros sectores produtivos da economía, con ou sen almacenamento.

Programa de incentivos 3: incorporación de almacenamento en instalacións de autoconsumo, con fontes de enerxía renovable, xa existentes no sector servizos e noutros sectores produtivos. Tamén se consideran actuacións subvencionables, dentro dos anteriores programas de incentivos, as instalacións illadas da rede non reguladas no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica, realizadas nos sectores de aplicación de cada un deles.

De conformidade co disposto nas bases reguladoras, as persoas destinatarias últimas das axudas, que terán a cualificación de beneficiarias para os efectos desta convocatoria, son as seguintes:

a) Persoas xurídicas e agrupacións de empresas ou de persoas físicas, con ou sen personalidade xurídica, que realicen unha actividade económica pola que ofrezan bens ou servizos no mercado, incluíndo, entre outros:

1º. Os xestores de polígonos industriais, de natureza pública ou privada.

2º. As empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias de actuacións no ámbito da enerxía.

3º. As empresas de servizos enerxéticos (ESE), ou provedores de servizos enerxéticos definidas no Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, polo que se traspón a Directiva 2012/27/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2012, relativa á eficiencia enerxética, pola que se modifican as directivas 2009/125/CE e 2010/30/UE, e pola que se derrogan as directivas 2004/8/CE e 2006/32/CE, no referente a auditorías enerxéticas, acreditación de provedores de servizos e auditores enerxéticos e promoción da eficiencia da subministración de enerxía.

b) As comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadás de enerxía, segundo definición da Directiva 2018/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, e da Directiva 2019/944 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xuño de 2019, sobre normas comúns para o mercado interior da electricidade e pola que se modifica a Directiva 2012/27/UE, respectivamente, así como do artigo 4 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

O prazo de presentación de solicitudes comezará as 9.00 horas do día 21 de outubro de 2021 e rematará o 31 de decembro de 2023.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211006/AnuncioG0474-270921-0004_gl.pdf