XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS COMPLEMENTARIAS AS ACHEGADAS POLA UE NO MARCO DO PROGRAMA COMUNITARIO ERASMUS+

Consellería de Cultura, Educación e Universidade
ORDE do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+, para o alumnado do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos no curso 2020/21 (código de procedemento ED417A).

Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado/a no curso 2020/21 en calquera das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia para realizar estudos universitarios oficiais conducentes a unha
titulación de grao.
b) Participar no programa de mobilidade universitaria con fins de estudos con autorización da universidade de orixe e ser beneficiario da axuda do Programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.
c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

Duración e contía das axudas
1. O programa de mobilidade para o que se solicita a bolsa será realizado durante o curso académico 2020/21.
2. As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de tres meses.
3. As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no Programa Erasmus+:
a) De 195 euros/mes para un país de destino do grupo 1.
b) De 165 euros/mes para un país de destino do grupo 2.
c) De 125 euros/mes para un país de destino do grupo 3.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210113/AnuncioG0598-281220-0001_gl.pdf