Axencia Instituto Enerxético de Galicia
RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan estas subvencións para o ano 2022 (códigos de procedemento IN421N e IN421P).
O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible.
En concreto, os proxectos de biomasa que se subvencionaran son os do grupo:
A1 Estufas de aire, cociñas calefactoras, A2 Cambio de queimadores existentes que non sexan de biomasa,
B1 Equipamentos térmicos que utilicen leña, hidroestufas ou insert/cheminea de auga, B2 Caldeiras de pélets con volume de acumulación de combustible inferior a 1000 l, e B3 Caldeiras de pélets con volume de acumulación de combustible maior o igual a 1000 l.
Actuacións que se subvencionan
Poderán ter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas nos artigos 1 e 5 destas bases reguladoras, que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se efectuase a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2022.
Conceptos subvencionables
1. Serán subvencionables:
a) O equipamento principal de xeración enerxética.
b) O custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).
c) Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.
d) O custo do sistema de almacenamento do combustible.
e) O custo do sistema de alimentación do combustible.
f) O custo de montaxe e conexión.
A contía da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación. A contía máxima por proxecto será de 60.000 €.
Forma e prazo para presentar as solicitudes
1. As solicitudes de adhesión serán presentadas pola entidade colaboradora interesada segundo o formulario normalizado anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.
2. As solicitudes de axudas serán presentadas polas entidades colaboradoras segundo o formulario normalizado anexo IV desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.
O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 1 de xuño de 2022.
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de marzo de 2022 ás 9.00 horas e rematará o 1 de xullo de 2022 ou cando se esgoten os fondos.
Adhesión de entidades colaboradoras.
a) Adhesión simplificada.
1º. Esta forma de adhesión está unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao convenio de xestión das axudas para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, destinadas a particulares, reguladas na Resolución do 28 de decembro de 2020 (DOG núm. 10, do 18 de xaneiro de 2021) e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas para proxectos de biomasa, destinadas a particulares, para á anualidade 2022.
2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos.
Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria de adhesión de entidades colaboradoras que participasen no procedemento de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, destinados a particulares, da anualidade 2021.
Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada utilizará o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2021.
Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), deberá presentalos por vía electrónica de conformidade co establecido. 3º. Se houbese cambio na representación da entidade colaboradora deberá volverse achegar a documentación solicitada con carácter xeral.
Para todas as solicitudes simplificadas, o Inega poderá proceder comprobar os datos recollidos na adhesión común que se regula a continuación. Se, como consecuencia destas comprobacións, procede solicitar a emenda de documentación realizarase nos termos recollidos no citado procedemento de adhesión común.
b) Adhesión común (alta novas entidades colaboradoras).
1º. A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignarase un usuario e un contrasinal.
Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.
2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos. Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220118/AnuncioG0474-271221-0002_gl.pdf