Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actvidades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MR708A)
O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020, destinadas a:
a) Adquirir maquinaria e equipamento co fin de mellorar, ampliar e/ou modernizar as empresas existentes que desenvolven actividades non agrícolas en zonas rurais, co fin de reforzar o tecido empresarial no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos, consolidar os existentes e, en última instancia, dinamizar a economía dos territorios rurais.
b) Pór en marcha novas actividades empresariais de carácter non agrícola nas aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación destas bases reguladoras.
Poderán ser beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, sempre que cumpran os demais requisitos previstos nelas:
a) As microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2021.
No caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, admitiranse empresas en constitución ou constituídas con posterioridade á data anteriormente sinalada. Segundo a definición que resulta do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, ten a consideración de pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros. De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014. Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica. As empresas deberán ter a súa razón social ou ben un centro de traballo no territorio elixible, nos termos establecidos no artigo 3.2.b) destas bases reguladoras.
b) Persoas físicas que residan nunha zona rural. As persoas solicitantes deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2021. No caso de proxectos de implantación de actividades empresariais en aldeas modelo, admitiranse novas altas no réxime especial de traballadores autónomos con posterioridade á data antes sinalada.
Para estes efectos, considerarase zona rural todo o territorio de Galicia, con excepción das parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). No enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda estará dispoñible a relación de zonas densamente poboadas (ZDP).
c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación. No caso de persoas físicas, deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2021. No caso de persoas xurídicas, deberán estar constituídas antes da citada data.
Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos destinados á:
a) Adquisición de maquinaria e equipamento co obxectivo de mellorar, ampliar e/ou modernizar pequenas empresas que desenvolven actividades produtivas non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:
1º) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.
2º) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 60.000 €.
3º) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos.
4º) Prestación de servizos sociais (garderías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).
5º) Actividades de ocio, recreativas e deportivas.
6º) Artesanía e actividades artesanais.
7º) Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico.
8º) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.
9º) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.
b) Posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas nas aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación da correspondente convocatoria destas axudas, nos mesmos sectores e ámbitos de actividade sinalados na letra a) do punto 1 deste artigo.
A axuda será do 45 % dos gastos subvencionables
Para as dúas tipoloxías de proxectos subvencionables, o prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2022 será o 30 de setembro de 2022.
O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220125/AnuncioO90-301221-0001_gl.pdf