CONSELLERÍA DEEMPREGO E IGUALDADE CONVOCA O PROGRAMA DE AXUDAS PARA IMPLANTAR A IGUALDADE LABORAL, A CONCILIACIÓN E A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D).

Poderán ser subvencionables as accións para as que se concede a axuda ou incentivo que se realicen entre o día 1 de xaneiro de 2022 e ata a data de final do prazo de xustificación das actividades establecido no artigo 35.

Esta orde de convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:

Liña I: elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) nos termos definidos no capítulo III do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro, e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

Liña II: conciliación (TR357D) que, á súa vez, comprende tres subliñas: Subliña II.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo. Subliña II.2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria. Incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria. Subliña II.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo. Liña III: certificacións de RSE (TR357B). Subvencionarase a obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial.

Poderán ser as que se relacionan ou equivalentes: empresa familiarmente responsable-EFR (conciliación), Global Reporting Initiative (GRI); United Nations Globlal Compact (pacto mundial); ISO 19600, SGE 21, Global Accountability 1000 (AA 1000); EMAS, ISO 14000 (ambiente), SA 8000, IQNet SR10, BEQUAL (discapacidade), ISO 45001 (seguridade e saúde laboral), certificación empresa saudable, así mesmo selo horarios racionais (SHR).

As empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas.

O prazo para a presentación de solicitudes será de un mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220204/AnuncioG0599-030122-0005_gl.pdf