Axencia Instituto Enerxético de Galicia
Resolución do 28 de outubro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas de incentivos 4 e 5 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector residencial, as administracións públicas e o terceiro sector no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN422J e IN422K).
Pola presente convócanse axudas para as seguintes actuacións:
Programa de incentivos 4: realización de instalacións de autoconsumo, con fontes de enerxía renovable no sector residencial, Administración publica e no terceiro sector, con ou sen almacenamento.
Programa de incentivos 5: incorporación de almacenamento en instalacións de autoconsumo, con fontes de enerxía renovable, xa existentes no sector residencial, Administración pública e no terceiro sector.
Tamén se consideran actuacións subvencionables, dentro dos anteriores programas de incentivos, as instalacións illadas da rede non reguladas no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica, realizadas nos sectores de aplicación de cada un deles.
BENEFICIARIAS/OS
a) Persoas físicas que non realicen ningunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado.
b) As entidades locais e o sector público institucional de calquera Administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, este último sempre que non realice ningunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado.
c) As persoas xurídicas que non realicen ningunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, incluíndo as entidades ou organizacións do terceiro sector, entendendo como entidades ou organizacións do terceiro sector as entidades ou organizacións privadas sen ánimo de lucro que non realicen ningunha actividade económica, pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado.
d) As persoas físicas que realicen algunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, en cuxo caso deberán estar dados de alta no Censo de Empresarios, Profesionais e Retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria.
e) As comunidades de propietarios, reguladas pola Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, que terán que cumprir co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro.
f) As comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadás de enerxía, segundo a definición da Directiva 2018/2001, do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, e da Directiva 2019/944, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xuño de 2019, sobre normas comúns para o mercado interior da electricidade e pola que se modifica a Directiva 2012/27/UE, respectivamente, así como do artigo 4 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, cando non realicen ningunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado.
ESTA AXUDA TRAMÍTASE A TRAVÉS DAS ENTIDADES COLABORADORAS COA XUNTA DE GALICIA
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211109/AnuncioG0474-281021-0003_gl.pdf