AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS A EMPRESAS ILLADAS EN ZONAS RURAIS PARA A CONTRATACIÓN DE SERVIZOS DE BANDA LARGA ULTRARRÁPIDA (FONDOS DE FEDER)

AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR604A).

As empresas privadas, xa sexan persoas físicas que realicen actividade económica ou persoas xurídicas legalmente constituídas, que acrediten, coa solicitude de subvención, o cumprimento dos seguintes requisitos:

– Ter domicilio fiscal ou polo menos un centro de traballo en Galicia.

– Non ter contratado nin poder contratar en condicións de mercado, na localización obxecto de solicitude, servizos de banda larga ultrarrápida, con trinta (30) ou máis megabits por segundo de descarga (fluxo de datos no sentido da rede ao usuario), estando polo tanto illada das redes que prestan estes servizos.

– Non estar no marco de actuación de plans de despregamento en curso de redes de banda larga ultrarrápida, e estar polo tanto a empresa illada destas redes.

O ámbito temporal de vixencia das presentes bases será desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ata o 31 de decembro de 2025.

As subvencións están destinadas á contratación de servizos de banda larga ultrarrápida que cumpran os seguintes parámetros de nivel de servizo:

a) Permitir unha taxa de transferencia nominal por usuario final no sentido da rede cara ao usuario de, polo menos, 100 Mbps medidos na saída do equipamento da rede do operador máis próximo ao usuario final (velocidade de baixada ou descarga), cunha garantía de caudal do 80 % (o 95 % do tempo).

b) Permitir unha taxa de transferencia nominal por usuario final no sentido do usuario cara á rede de, polo menos, 100 Mbps medidos na saída do equipamento da rede do operador máis próximo ao usuario final (velocidade de subida ou carga), cunha garantía de caudal do 80 % (o 95 % do tempo).

c) Permitir, mantendo todas as características do servizo inalteradas, a transferencia ilimitada de datos en ambos os sentidos (da rede ao usuario e do usuario á rede).

d) Asegurar unha dispoñibilidade do servizo, nos termos de calidade de servizo mencionados de, polo menos, o 98 % medida en intervalos de meses naturais por usuario final.

e) Asegurar que os parámetros de calidade de servizo (QoS) de transmisión de datos proporcionado (jitter, retardamento e taxa de perda de paquetes) son compatibles coa realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

f) Resolver, polo menos, o 95 % das incidencias que supoñan un corte de servizo en vinte e catro (24) horas ou menos.

O prazo para a presentación das solicitudes é de 45 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220323/AnuncioG0177-100322-0001_gl.pdf