SECRETARIA XERAL DE EMIGRACIÓN CONVOCA AXUDAS EXTRAORDINARIAS A PERSOAS EMIGRANTES RETORNADAS

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR905A).

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan dos recursos suficientes para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento PR905A).

Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:

a) As persoas galegas e nacidas en Galicia.

b) Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nacidas en Galicia.

c) Os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

As axudas de carácter xenérico para facer fronte á situación derivada do retorno da unidade familiar previstas nesta resolución aboaranse por unha soa vez e o seu importe establécese en función do número de puntos que se obteña segundo os criterios recollidos no artigo 5. Fíxase, para estes efectos, un valor de 300 euros por unidade de puntuación, o que determinará a contía da axuda.

As contías destas axudas outorgaranse por cada fillo/a menor de 18 anos e terán os seguintes importes:

– 1.000 euros polo primeiro e segundo fillo/a menor de 18 anos.

– 1.500 euros a partir do terceiro fillo/a menor de 18 anos.

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2022, incluído.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220329/AnuncioG0595-210322-0002_gl.pdf