Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2022 pola que se convoca a prórroga para o ano 2022 das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento VI482D).
Poderán ser beneficiarias desta prórroga aquelas persoas que, resultando beneficiarias desta axuda e non tendo perdido o dereito mediante a oportuna resolución nin esgotado o período máximo da súa duración, finalicen o seu período de desfrute durante o ano 2022 e cumpran os requisitos previstos no ordinal quinto desta resolución.
A prórroga da axuda concederase polo período comprendido desde o mes seguinte ao de finalización da percepción da concesión inicial ou da prórroga que se viñera desfrutando ata o mes de decembro de 2022, ambos meses incluídos, e comprenderá tantos bonos mensuais consecutivos como meses existan no citado período.
O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará o día 21 de novembro de 2022, nos seguintes termos:
– Naqueles supostos en que xa tivera rematado durante este ano 2022 o período de percepción da concesión inicial ou da prórroga do bono de alugueiro, a persoa beneficiaria disporá dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución, para solicitar a prórroga da axuda.
– No suposto de que a concesión inicial ou a prórroga da axuda concedida non rematara na data de publicación desta resolución, a solicitude deberá presentarse dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou da prórroga que se estea desfrutando.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220510/AnuncioC3Q2-030522-0003_gl.pdf