XUNTA DE GALICIA CONVOCA PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DE AXUDAS A ENTIDADES PRIVADAS PARA O FOMENTO DA GRATUIDADE DA ATENCIÓN EDUCATIVA DOS/AS NENOS/AS EN ESCOLAS INFANTÍS DE 0-3 ANOS

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 20 de xuño de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2022/23 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos da súa titularidade dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de setembro de 2022 e o 31 de agosto de 2023 (código de procedemento BS420C).

Así mesmo, serán destinatarias da concesión de axudas económicas as entidades privadas xestoras destes recursos que acrediten a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada desde o inicio do dito curso.

Para os efectos desta orde, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa, aos nenos e ás nenas durante a súa estancia nunha escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular e continuada á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.

Exceptúanse da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor e as actividades extra á atención educativa que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e Xuventude, apliquen a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estaren debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola Consellería de Política Social e Xuventude.

c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas teña as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude.

Tipos de axuda e contía

1. A convocatoria comprende unha liña de axudas destinada a compensar a aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa na contía do prezo mensual que lle corresponda aboar á familia, segundo as tarifas establecidas polas horas de asistencia do neno ou nena, ata un máximo de 306 euros/mes por praza a xornada completa, excluído o mes de vacacións do neno ou nena.

2. As axudas calcularanse en función das tarifas da escola infantil no curso 2022/23, as cales poderán incrementarse, respecto das do curso anterior, ata un 10 % sen superar o tope de 306 euros por atención educativa no cal está incluída a parte proporcional da matrícula. O cálculo deste importe obterase multiplicando 11 mensualidades, como máximo, polo nº de prazas que se fagan constar na solicitude sen que, en ningún caso, estas poidan superar as prazas que consten autorizadas no permiso de inicio de actividades da escola infantil 0-3 e polas tarifas correspondentes.

3. Para os efectos do previsto nos números anteriores, durante todo o período subvencionable a entidade entregará ás familias os xustificantes mensuais de pagamento en que consten o número de horas ao día de asistencia e o importe que lles correspondería aboar coa lenda prezo bonificado 100 % pola Xunta de Galicia. Nos supostos en que as axudas non acaden o 100 % do custo da atención educativa, será por conta das entidades beneficiarias a contía da bonificación no que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica.

4. As entidades beneficiarias destas axudas poderán cobrar ás familias ata 100 € en concepto de reserva de praza. Unha vez realizada a inscrición e constatada a asistencia á escola infantil, o pagamento efectuado será compensado con outros servizos distintos da atención educativa que preste o centro.

5. A inasistencia á escola infantil 0-3 durante un período de 15 días sen xustificar dará lugar á baixa do alumno/a no programa da gratuidade.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e, en todo caso, finalizará o 30 de novembro de 2022.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220622/AnuncioG0657-170622-0001_gl.pdf