Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2022 (código de procedemento VI482E).
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa bono alugueiro mocidade para facilitar o goce dunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso á mocidade con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias ou cesionarias, que se tramitarán co código de procedemento VI482E.
Actuacións subvencionables
Será obxecto desta subvención, nos termos desta resolución e sempre dentro das dispoñibilidades orzamentarias, a renda ou o prezo da cesión aos que á mocidade ha de facer fronte para o goce da súa vivenda ou habitación habituais.
Requisitos das persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse desta axuda as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:
a) Ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda.
b) Posuír a nacionalidade española, ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso das persoas estranxeiras non comunitarias deberán acharse en situación de estancia ou residencia regular en España.
c) Ser titular ou estar en condicións de subscribir na Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de persoa arrendataria, un contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, ou, en calidade de persoa cesionaria, dun contrato de cesión de uso. No caso de alugamento de habitación non é xixible que a formalización sexa nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro.
d) Dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos. Para estes efectos, entenderase que teñen unha fonte regular de ingresos quen estea traballando por conta propia ou allea, o persoal investigador en formación e as persoas perceptoras dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, sempre que poidan acreditar unha vida laboral de, polo menos, tres meses de antigüidade, nos seis meses inmediatamente anteriores ao momento da solicitude, ou unha duración prevista da fonte de ingresos de, polo menos, seis meses, contados desde o día da súa solicitude.
No caso de dispoñer de máis dunha fonte regular de ingresos, as rendas computables serán a suma das rendas derivadas das ditas fontes.
e) Dispoñer dunhas rendas anuais, incluídos os das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida ou a arrendar ou ceder, consten ou non como titulares dun contrato de arrendamento ou cesión, iguais ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).
Non obstante, só se terán en conta as rendas anuais da persoa solicitante nos seguintes supostos:
– No de alugamento de habitación.
– No caso de que na vivenda convivan, ademais da persoa solicitante, outra/s persoas e concorran os seguintes requisitos:
• Que no momento de solicitar a axuda ningunha das persoas que conviva na vivenda teña entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade ou ben que todas elas teñan menos de 36 anos.
• Que todas elas subscriban o contrato de alugamento.
f) Que a vivenda ou habitación arrendada ou cedida constitúa, no momento da solicitude, a súa residencia habitual e permanente, no caso de que teña contrato. A dita circunstancia deberá ser acreditada mediante certificado ou volante de empadroamento nos termos previstos nesta resolución.
Renda máxima computable alugueiro na ESTRADA: 500 EUROS/MES (Nesta renda ou prezo non se inclúe o importe que puidese corresponder a gasto de comunidade e/ou anexos, tales como prazas de garaxe, rochos ou similares. No caso do alugamento de habitación, a renda ou prezo non poderá superar o equivalente á metade do importe previsto para renda mensual ou prezo de cesión da vivenda, dependendo do concello no que estea situado).
Contía e duración das axudas
Concederase ás persoas beneficiarias unha axuda de 250 euros mensuais, co límite da renda mensual, do prezo da cesión ou, de convivir con outras persoas, do importe que lle corresponda satisfacer á persoa beneficiaria.
A axuda concederase ás persoas beneficiarias polo prazo de dous anos, sen que poida exceder a data sinalada na correspondente convocatoria.
O recoñecemento do dereito da axuda poderá ter carácter retroactivo, se se prevé expresamente na convocatoria.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal)
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https:// sede.xunta.gal/modelos-normalizados.
b) Contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, ou, se é o caso, contrato de alugamento de habitación ou contrato de cesión de uso.
c) Referencia catastral da vivenda, no caso de que non figure no contrato.
d) Documento asinado pola persoa arrendadora no que conste o importe da renda ou prezo de cesión individualizado, no caso de que estean incluídos os gastos de comunidade e/ou anexos, como garaxes ou rochos, cuxo importe non estivese desagregado.
e) Compromiso asinado pola persoa arrendadora e arrendataria/s da formalización dun contrato de alugamento ou cesión de uso, no caso de non dispoñer de contrato, no que consten os seguintes datos:
– O importe da renda ou prezo da cesión individualizado, sen incluír os anexos da vivenda e gastos de comunidade.
– O concello onde se localice a vivenda.
– A referencia catastral da vivenda.
– As persoas arrendatarias que subscribirán o dito contrato.
– A data de efectos económicos do contrato.
f) Certificado ou volante de empadroamento colectivo, no que conste a data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda obxecto de alugamento ou cesión ou na que se localice a habitación obxecto de alugamento ou cesión, no caso de que teña contrato. Para estes efectos, recoñeceranse os certificados expedidos nos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude.
g) Documentación xustificativa da fonte regular de ingresos da persoa solicitante. Para estes efectos, poderán achegarse:
– Contrato de traballo por conta allea, de ser o caso.
– Contrato de persoal investigador en formación, de ser o caso.
– Certificado acreditativo da percepción dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, de ser o caso.
– Calquera outra documentación que xustifique algunha das fontes regulares de ingresos nos termos destas bases reguladoras.
h) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que teñan a súa residencia habitual e permanente na vivenda obxecto do contrato ou compromiso sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en España e non poidan dispoñer dela:
– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.
– Documentación que acredite que a persoa solicitante e/ou algunha outra persoa que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida, non poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.
– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou algunha outra persoa que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida, de ser o caso. i
) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en España, documentación acreditativa de que foi obtida por transmisión mortis causa sen testamento.
j) Anexo II, de declaración responsable das persoas que teñen ou terán o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida e comprobación dos datos necesarios para a tramitación do procedemento, no caso de que na vivenda residan outras persoas distintas da persoa solicitante.
k) Anexo III, de declaración responsable de ingresos obtidos pola persoa solicitante e/ou polas persoas que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida, no caso de non ter presentado a declaración do Imposto sobre a renda das persoas físicas, xunto coa seguinte documentación:
– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no exercicio económico previsto nesta convocatoria.
– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en adiante, INSS) relativo ao exercicio económico previsto nesta convocatoria.
– Certificados bancarios de rendementos de capital mobiliario.
l) Declaración responsable de que ningunha das persoas que convive na vivenda ten entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade, no caso de que na vivenda convivan, ademais da persoa solicitante, outra/s persoa/s e todas elas subscriban o contrato de arrendamento, de ser o caso
m) Extracto ou certificado bancario acreditativo do pagamento da renda ou prezo da cesión das mensualidades anteriores á presentación da solicitude, no suposto do recoñecemento do dereito da axuda teña carácter retroactivo. En ningún caso se admitirán como xustificación os recibos de pagamentos realizados en metálico
n) Escrito de conformidade das restantes persoas arrendatarias ou cesionarias que convivan na vivenda arrendada, no suposto de que o pagamento íntegro da renda ou prezo da cesión fose realizado por unha única persoa en nome das restantes, no suposto de que o recoñecemento do dereito da axuda teña carácter retroactivo.
o) Resolución de concesión e de suspensión desta axuda na comunidade ou cidade autónoma de orixe, no caso de cambio de domicilio procedente doutra comunidade ou cidade autónoma.
O pagamento da subvención realizarase trimestralmente de forma anticipada por meses completos e desde a data de efectos económicos sinalada na solicitude, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria sinalada para estes efectos no anexo I.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2022 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Desde o departamento de emprego do Concello da Estrada, botámosche unha man para a súa tramitación, podes chamarnos ao teléfono 986 677 740 ou pasarte directamente polas nosas oficinas en horario de 8.30 a 14.00 horas se necesidade de cita previa.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220630/AnuncioC3Q2-200622-0003_gl.pdf